Un estudo internacional con participación da USC aborda o maior esforzo de secuenciación xenética masiva levada a cabo en restos arqueolóxicos humanos de América

Nunca antes se tiña logrado un resultado semellante e nunca antes se alcanzara un retrato tan preciso de como se levou a cabo a colonización do continente americano, os movementos poboacionais a través dos que se conformaron as comunidades desta rexión do planeta e como o xenoma das poboacións actuais se ven reflectidas nestes momentos iniciais da prehistoria humana no continente americano. A revista Science acaba de publicar os resultados do maior esforzo de secuenciación masiva levado a cabo en restos arqueolóxicos humanos de América coa colaboración do investigador da Facultade de Medicina da USC Antonio Salas Ellacuriaga, único representante español nun equipo con persoal investigador de Dinamarca, Canadá, Inglaterra, Estados Unidos, Brasil, Arxentina, Armenia, Chile, Alemaña ou Suíza.
Durante a última década publicáronse traballos dunha ducia de xenomas illados extraídos de restos arqueolóxicos, cada un dos cales permitiu liñas de traballo “moi interesantes, pero inmaturas”, explica Antonio Salas. O estudo agora difundido por Science descifra o xenoma completo de 15 restos arqueolóxicos ao longo do continente americano e dos que seis teñen unha antigüidade superior aos 10.000 anos. En palabras do investigador da USC, o estudo “representa o esforzo xenómico máis grande realizado ata a actualidade no campo do ADN antigo”.
A magnitude dos resultados acadados ten un alcance singular. “Son tantas as conclusións que se derivan que é difícil resumir a transcendencia dos achados. É chamativa a cantidade de información que pode acubillar un só xenoma” sinala o profesor Sala Ellacuriaga. O investigador explica que o estudo se centra no modelo de expansión das poboacións americanas dende os seus inicios máis ancestrais fai máis de 25.000 anos, dende que estas poboacións proto americana diverxen dos seus veciños e ancestros en Siberia e o este de Asia”.
Principais resultados
A maior parte da variabilidade nativo-americana deriva dun grupo ancestral que vivía en Alaska e no territorio Yukón, aproximadamente 23.000 anos atrás. Esta poboación, aclara Antonio Salas, divídese “cando menos en dous grupos: un dará lugar a todas as poboacións de nativo americanos que coñecemos hoxe en día e o outro permanece na rexión de Alaska, o que hoxe denominamos como antigos berinxianos”. Estes últimos non deixaron descendentes e “a súa existencia tan so se pode deducir da análise do xenoma de restos arqueolóxicos”.
“Hoxe sabemos que a xente habitaba Alaska como mínimo dende fai 14.000 anos”, aclara o doutor Salas, para quen as análises permiten “precisar o momento e lugar onde se puido ter levado a cabo esta división poboacional entre os antigos berinxianos e os ancestros de todos os nativo-americanos actuais, clave para a colonización de todo o continente”. Segundo o equipo encargado do estudo, “dende fai aproximadamente entre 17.500 e 14.600 anos existe unha división maior no norte de América entre as xentes que daría lugar aos norteamericanos e os suramericanos”.
Ademais o traballo evidencia a existencia dun “compoñente xenético misterioso de orixe austral-asiática, máis próximo a poboacións australianas, de Nova Guinea, cunha antigüidade de cando menos 10.400 anos”. Sobre este achado Salas afirma que “detectamos a existencia dun ADN fantasma que non sabemos como puido chegar a América: detéctase en Brasil, é dicir, no lado este dos Andes, emprazamento que engade máis misterio, aínda que a nosa hipótese é que procede do lado norte americano”.
Modelo de colonización do continente
A primeira entrada de proto-americanos produciuse polo este da Berinxia e estendeuse cara zonas non glaciares do norte de América. Esta entrada de poboacións a través da ponte Berinxia sucédese dende fai aproximadamente 25.000 anos ata fai aproximadamente 13.000 anos. Xenomas analizados suxiren a existencia de varias subdivisións poboacionais: na propia Berinxia e arredor do lago Big Bar na rexión da Columbia británica en Canadá. Nese período, unha representación desta poboación nativa dispérsase polo resto do continente norte americano, “será a poboación que dará lugar posteriormente aos habitantes de Sur América”.
O segundo período importante implica a colonización de case todo o continente cara ao sur, ata chegar á Patagonia. Os datos apuntan que “este proceso foi moi rápido e tivo lugar non de modo gradual, senón máis ben a modo de pequenos saltos de colonización”. Segundo os investigadores tería comezado 14.000 anos atrás e prolongaríase durante outros oito mil anos. Os primeiros poboadores do sur de América “probablemente levaron consigo un compoñente austral-asiático nos seus xenomas”, aclara Antonio Salas Ellacuriaga ademais de engadir que “sabemos que este sinal xenético está presente en Brasil 10.400 anos atrás, “aínda non temos podido atopar un so xenoma máis antigo ou máis ao norte de Lagoa Santa con este compoñente”. Por outra banda, dende as primeiras colonizacións do sur do continente houbo dúas grandes rutas de emigración, unha a cada lado dos Andes. En simultáneo, no norte de América tamén se mesturaron fai 9.000 anos as poboacións que deron lugar aos norteamericanos e as que deron lugar aos suramericanos nativos.
Un terceiro movemento importante no continente iníciase en Mesoamérica 8.700 anos atrás, con movementos poboacións cara o norte, no que se coñece como a Gran Conca, localizada no noroeste de Norte América. Por outra banda, comeza unha segunda onda de expansión poboacional cara o sur de América que dará lugar á maior parte da variabilidade xenética observada hoxe en día no sur.
Antonio Salas Ellacuriaga opina que “estamos vivindo a que seguramente é a época máis excitante da xenómica. Os avances tecnolóxicos estannos permitindo non so abordar e entender as enfermidades complexas e as súas causas dunha maneira moito máis elaborada, senón tamén afinar enormemente en cuestións que teñen que ver coas nosas orixes, co que somos e como temos evolucionado co paso do tempo”.
Antonio Salas
Profesor da Facultade de Medicina da USC, é membro do Instituto de Medicina Legal dende 1994, onde tamén realiza pericia no ámbito forense e a criminoloxía. Cun amplo e recoñecido historial investigador e docente, coordina o grupo GenPoB do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) onde realiza investigación traslacional entre a xenética de poboacións e a biomedicina.