Un estudo no que participa a EPS de Lugo elabora modelos para a redución do risco de incendio no monte mediante podas e claras

Un equipo da Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo traballa na elaboración de modelos de apoio para coñecer o comportamento do lume no monte e establecer sistemas de poda (redución do volume vexetal das árbores) e clara (redución da densidade do monte mediante a eliminación de exemplares) que minimicen o risco e as consecuencias dos incendios. O proxecto, no que participan o catedrático Juan Gabriel Álvarez e a profesora Ana Daría Ruiz, desenvólvese a partir dos datos recollidos en parcelas distribuídas por toda Galicia con plantacións de pino silvestre, pino pinaster e pino radiata (as coníferas máis estendidas en Galicia). A investigación desenvólvese conxuntamente co Centro de Investigación Forestal de Lourizán, a través do equipo dirixido polo Doutor José Antonio Vega Hidalgo, referente internacional en temas de incendios forestais, que achega os seus máis de 30 anos de experiencia en estudos similares. Evitar os lumes de copa Un incendio a ras do chan pode resultar máis ou menos controlable, pero en canto o lume ascende ás copas das árbores convértese en moito máis daniño e perigoso, sobre todo se as condicións atmosféricas e da vexetacións facilitan a súa propagación de copa en copa, e máis no caso das coníferas, xa que a súa configuración e composición fai que ardan con maior facilidade ca outras especies. “As condicións para que un lume de superficie pase ás copas das árbores e para que logo se propague de árbore en árbore están perfectamente estudadas, e están relacionadas coa intensidade do lume no seu inicio –que vai depender da cantidade de combustible que se acumule no solo, procedente de matogueiras ou restos leñosos–, o vento, a pendente do terreo, a altura das copas das árbores, a densidade de combustible fino ou o grao de sequidade da masa vexetal das copas”, explica Juan Gabriel Álvarez. Para combater os efectos destes “lumes de copa”, moito máis destrutivos e imprevisibles (ademais de perigosos para os responsables da súa extinción), o equipo de investigación analiza todas estas variables e propón sistemas de eliminación de masa vexetal susceptible de axudar á propagación dun incendio: a poda das pólas máis baixas das copas, para evitar que o lume ascenda; e a talla das árbores con menos posibilidades de crecemento, xa sexa polo seu desenvolvemento incompleto ou pola presenza de enfermidades. Na busca do equilibrio “A dificultade”, segundo Ana Daría Ruiz, “radica en manter un equilibrio entre a cantidade de combustible nas copas e a porcentaxe de crecemento da vexetación do solo. Hai que ter en conta que canto máis poda fagamos, máis material se acumula na superficie, e cantas máis claras fagamos, máis espazo queda para que o sol faga proliferar as matogueiras. No estudo avalíase o efecto de tres intensidades diferentes de clara realizadas nunha rede de parcelas de ensaios. Estas intensidades oscilan entre o 20 e o 45% do total de árbores plantadas, ademais dunha poda periódica sobre as pólas situadas ata unha altura de seis metros. Ao mesmo tempo, déixase sempre unha zona de control na que non se realiza ningún tipo de clara, para poder comparar os resultados con respecto ás parcelas. “A estas alturas do estudo o que pretendemos é seguir perfeccionando os modelos de clara e poda ideais para cada tipo de plantación, para proporcionar aos xestores do monte ferramentas útiles e de fácil manexo para axudalos na súa toma de decisións en canto a cantos pés cortar, a que altura podar ou con que frecuencia realizar estes labores”, indica Juan Gabriel Álvarez. Experiencias similares Para iso, o grupo de traballo da UXFS compara os seus resultados cos de investigacións similares en todo o mundo, especialmente cos estudos en Canadá e os Estados Unidos, onde está permitido experimentar con lume real, o que permite obter modelos máis alá das aproximacións a partir de simulacións. Revistas especializadas como a International Jornal of Wildland Fire (na que a UXFS publicou varios artigos sobre as súas experiencias) serven de punto de encontro para os diferentes equipos que traballan neste ámbito en todo o mundo. “O perfeccionamento dos modelos é un traballo continuo, e hai que aproveitar todas as sinerxías”, explica Ana Daría Ruiz: “O estudo da USC é punteiro no ámbito nacional, pois non existen modelos baseados nunha rede de parcelas cun seguimento tan completo coma os nosos; nalgunhas das nosas parcelas imos xa pola segunda clara e levamos máis de doce anos de medicións; un traballo similar está a desenvolverse co Centro Tecnológico y Forestal de la Madera de Asturias (CETEMAS), cunha rede de ensaios mais completa aínda que cun seguimento menor, posto que comezou anos despois do noso”.