Ir o contido principal

Un estudo “pioneiro en Europa” avalía o impacto da tecnoloxía na adolescencia

A Educación en liña chegou para quedar, constituíndo un novo desafío, non só a nivel tecnolóxico, senón tamén didáctico e vital se queremos que sexa unha ferramenta eficaz de aprendizaxe. FOTO: Santi Alvite
A Educación en liña chegou para quedar, constituíndo un novo desafío, non só a nivel tecnolóxico, senón tamén didáctico e vital se queremos que sexa unha ferramenta eficaz de aprendizaxe. FOTO: Santi Alvite
Esta iniciativa de UNICEF España, coordinada por Antonio Rial Boubeta, é unha investigación “compresiva e inclusiva sobre o uso saudable das tecnoloxías”, conformando “unha foto precisa dun segmento da poboación moi concreto”
Santiago de Compostela

O informe ‘Estudio sobre el impacto de la tecnología en la adolescencia’ avaliou os hábitos de dous millóns de adolescentes de entre 11 e 18 anos de toda España, entre novembro de 2020 e marzo de 2021, poñendo sobre a mesa “un estudo pioneiro en Europa”, como sinala o profesor Antonio Rial Boubeta, director científico deste informe e investigador da Unidade de Psicoloxía do Consumidor da USC. Este traballo representa un estudo “comprensivo e inclusivo sobre o uso saudable das tecnoloxías que ofrece unha foto precisa dun segmento de poboación moi concreto”, engade o catedrático da USC.

A práctica totalidade dos adolescentes que cursan ESO (94,8%) dispón de teléfono móbil con conexión a Internet, dispositivo ao que accede xusto aos 10,96 anos, máis ou menos, segundo se recolle neste informe. Ademais, 3 de cada 10 das persoas consultadas inviste máis de 5 horas diarias no uso da internet e as redes sociais, porcentaxe que ascende ata un 49,6% na fin de semana. Segundos os datos desta investigación, máis da metade dos adolescentes utiliza as redes sociais para facer amigos e o 44,3% para non sentirse só. Este compoñente relacional adquire máis peso coa idade. Internet provoca fundamentalmente emocións positivas nos adolescentes. O 96,9% recoñece sentir alegría ou risa na Rede; o 81,6%, tranquilidade/relaxación; o 78,9%, pracer/diversión; e o 71,6%, apoio/comprensión.

Videoxogos

Practicamente, segundo os datos coordinados por Rial Boubeta, seis de cada dez adolescentes xogan a videoxogos polo menos algún día por semana, un 26,5% todos ou case todos os días. No caso dos mozos, estas cifras ascenden ao 86,5% e o 43,2%, respectivamente. A pesar de que o habitual é que dediquen ao redor de sete ou oito horas semanais aos videoxogos, un 4,4% dedícalles máis de 30 horas. “O uso de videoxogos constitúe unha das principais canles de lecer, con importantes implicacións a nivel de saúde e de convivencia. Moitos adolescentes poderían estar a facer un uso intensivo e sen supervisión de videoxogos non recomendados para a súa idade”, sinalan os autores do estudo.

A recepción ou transmisión de imaxes ou vídeos que implican un contido sexual a través das redes sociais, tamén denominado como ‘sexting’, é outro dos eidos abordados polo estudo. O 26,8% practicou algunha vez ‘sexting’ pasivo e o 8%, ‘sexting activo’. “En contraposición estes datos, chama a atención o escaso nivel de supervisión que parecen estar a exercer nais e pais, non do todo conscientes do seu papel como modelo no uso das pantallas, da necesidade de acompañamento e de establecer unha boa hixiene dixital no fogar”, establecen os e as investigadoras nas conclusións do informe. De feito, o informe denuncia que a pesar de que o uso problemático da internet, aínda non é considerado como unha adicción pola Organización Mundial da Saúde, está a converterse nun problema de saúde pública.

Apostas en liña e ciberacoso

Máis de 70.000 estudantes de ESO comezaron a apostar ou xogar diñeiro en liña, o que multiplica o risco de desenvolver a medio prazo unha ludopatía. O carácter social do xogo e a firme crenza de que é probable gañar diñeiro xogando en liña son as dúas principais crenzas para desmontar. Ademais, no caso do ciberacoso, grazas ao uso de instrumentos de screening específicos, permitiu estimar nun 33,6% a taxa de victimización de acoso escolar e nun 22,5% de ciberacoso, cifras sensiblemente maiores que as que reflicten as estatísticas oficiais. A pesar dos esforzos que centros educativos e institucións viñeron realizando nos últimos anos en materia de convivencia, a realidade segue sendo preocupante.

Aínda que non é posible establecer relacións de causalidade, os datos permiten constatar a estreita relación entre as novas formas de adicción ou usos problemáticos da tecnoloxía e a saúde mental, con maiores taxas de depresión asociadas e un menor benestar emocional. A Educación en liña chegou para quedar, constituíndo un novo desafío, non só a nivel tecnolóxico, senón tamén didáctico e vital se queremos que sexa unha ferramenta eficaz de aprendizaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.11.2021.