Ir o contido principal

Un estudo profunda no rol do mosteiro de Samos como axente ordenador do territorio en Galicia e no Bierzo

O mosteiro de Samos pertence á orde dos beneditinos que, xunto con outras ordes monásticas como o Císter, tiveron un gran peso na expansión dos cultivos de vide e maceiras en toda Europa
O mosteiro de Samos pertence á orde dos beneditinos que, xunto con outras ordes monásticas como o Císter, tiveron un gran peso na expansión dos cultivos de vide e maceiras en toda Europa
Investigadores da USC, CSIC, UDC e das universidades de Newcastle e St Andrews desenvolveron unha análise interdisciplinaria que sitúa na Idade do Ferro o comezo da formación da paisaxe socalcada que posteriormente o mosteiro potenciou
Santiago de Compostela

Un equipo composto por persoal investigador da USC, CSIC, UDC e das universidades de Newcastle e St Andrews acaba de desenvolver un estudo transdisciplinar que demostra que o comezo da formación da paisaxe socalcada que rodea o mosteiro de Samos iniciouse durante a Idade de Ferro, moito antes da súa fundación. O artigo, publicado en Journal of Archaeological Science: Reports, dá conta de como neste período histórico comezaría un proceso de deforestación para a creación de campos de cultivo de cereal e pastos. Con todo, o estudo que acaba de ver a luz constata como os períodos Baixomedieval e Modernos representan os momentos de maior actividade na reconfiguración da paisaxe socalcada de Samos, evidenciando que o mosteiro actuou como axente de ordenación do territorio en Galicia e no Bierzo.

O mosteiro de Samos remóntase, polo menos, ao ano 665, tal e como se deduce dunha inscrición, hoxe perdida, que estaba nos muros do claustro da portería na que se indica que foi reconstruído polo bispo de Lugo Ermefredo. “O mosteiro erixiuse durante a Idade Media nun dos máis poderosos de toda Europa e tiña posesións en diversos lugares de Galicia e o Bierzo”, apuntan dende o proxecto ARPAMED —no que se enmarca a investigación—, liderado polo profesor da USC, José Carlos Sánchez Pardo. “Os mosteiros foron importantes centros de poder ao longo da historia, algúns deles, abarcando posesións ao longo de amplas rexións xeográficas. Estes eran centros relixiosos pero tamén cumprían importantes funcións sociais, culturais, agrícolas e mesmo industriais”, engaden á hora de xustificar a relevancia da investigación. Noemí Silva-Sánchez do Incipit-CSIC é a primeira autora do traballo que tamén asinan Tim Kinnaird de St Andrews, Marcos Fernández-Ferreiro da USC, Estefanía López-Salas da UDC, Sam Turner da Universidade de Newcastle e José Carlos Sánchez Pardo da USC.  

Os socalcos son terras de cultivo contidas por un valado de pedra nun terreo moi pendente. En concreto, os dous socalcos abordados nesta investigación presentan fases de socalcamento nos séculos XIII e XVII. Con todo, investigacións en marcha poderían achegar novas evidencias, particularmente para os primeiros períodos de funcionamento do mosteiro na alta Idade Media. “Hai que ter en conta que unha vez que se constrúen, os socalcos agrícolas poden manterse en activo durante varios séculos e, en ocasións, os procesos de mantemento poden borrar evidencias de manexo máis antigas, polo que son máis difíciles de detectar”, explican.

A partir da análise palinolóxica do sedimento dos socalcos evidenciouse que, xa dende a Idade do Ferro, na paisaxe dominaría un mosaico composto por campos de cereal, pastos e formacións boscosas de carballo e castiñeiro. Con todo, analizando a información contida nos textos medievais, apréciase a significación que tiñan as maceiras, a vide e o liño para a comunidade monástica. Estes cultivos, ou ben non son distinguibles mediante análises polínicas, ou ben adoitan aparecer infrarrepresentados. “A investigación salienta a importancia de apostar pola combinación de aproximacións interdisciplinarias para estudar non só os cambios físicos nas paisaxes, senón aspectos sociais relacionados coa xestión dos recursos no pasado e que, sen dúbida, deixaron a súa pegada nas paisaxes culturais do presente”, apuntan dende o equipo investigador.

O mosteiro de Samos pertence á orde dos beneditinos que, xunto con outras ordes monásticas como o Císter, tiveron un gran peso na expansión dos cultivos de vide e maceiras en toda Europa. Noemí Silva Sánchez, investigadora do INCIPIT-CSIC, coordinou o paquete de paleoambiente, incluíndo o estudo xeoquímico e palinolóxico dos socalcos, así como a análise histórica relativa aos usos da terra. Investigadores das Universidade de Newcastle e Saint Andrews levaron o peso das datacións por OSL, e investigadores da USC e UDC fixeron o baleirado da información contida nos textos medievais e modernos empregados no estudo (Tombo de Samos e Apeos da freguesía de Samos).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.01.2023.