Ir o contido principal

O estudo do texto literario a través das súas fontes, obxecto de análise en Filoloxía

Agárdase que o encontro congregue a máis de 160 investigadores, que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos. Imaxe de arquivo de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
Agárdase que o encontro congregue a máis de 160 investigadores, que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos. Imaxe de arquivo de Filoloxía. FOTO: Santi Alvite
A Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas organiza do 7 ao 9 de setembro a oitava edición do congreso internacional ‘A trama do texto. Fontes literarias e cultura escrita na Idade Media e o Renacemento’
Santiago de Compostela

A oitava edición do Congreso Internacional da Sociedade de Estudos Medievais e Renacentistas desenvolverase na Facultade de Filoloxía da USC entre os días 7 e 9 de setembro baixo o título ‘A trama do texto. Fontes literarias e cultura escrita na Idade Media e o Renacemento’. Integrada por persoal investigador de todo o mundo, esta sociedade promove a celebración dun congreso de periodicidade bianual, que destaca por ser un dos foros internacionais de maior prestixio e proxección no ámbito dos estudos medievais e renacentistas.

A edición deste ano presenta como fío condutor o estudo do texto literario a través das súas fontes. O programa científico inclúe unha serie de conferencias plenarias que correrán a cargo da profesora da USC Mercedes Brea e outros especialistas de procedencia internacional como é o caso de Alfonso D’Agostino (Università degli Studi di Milano), Paolo Cherchi (University of Chicago), Johannes Bartuschat (Universität Zürich), Salvatore Luongo (Università di Napoli ‘L’Orientale’) e Alastair Minnis (University of Yale). Así mesmo, celebrarase unha mesa redonda en homenaxe á figura do profesor Alberto Blecua.

Agárdase que o encontro congregue a máis de 160 investigadores, que terán ocasión de presentar e debater os resultados dos seus traballos. Ademais de conferencias, paneis e comunicacións, o programa do congreso compleméntase cunha serie de actividades culturais que porán o foco no legado literario, musical, histórico e artístico que atesoura a cidade de Santiago de Compostela.

A comisión local organizadora está conformada por membros do grupo de investigación ‘Románicas. Filoloxía e Literatura Medieval’; en concreto, Pilar Lorenzo Gradín actúa como presidenta, Déborah González é a vicepresidenta; e Carmen de Santiago, a secretaria. A celebración do evento conta co soporte económico da Xunta de Galicia, a través dunha axuda concedida pola Axencia Turismo de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2022.