Un estudo da USC demostra que os hábitats de macroalgas condicionan algúns comportamentos dos peixes
Coñecer cal é a relación entre a diversidade de funcións de macroalgas presentes no hábitat e as funcións das comunidades de peixes no Hemisferio Sur foi o obxecto dunha investigación que acaba de desenvolver o investigador José A. Sanabria-Fernández, do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS), que acaba de saír publicada na revista Marine Environmental Research.
A investigación revisou a composición dos chamados bosques de macroalgas en países como Australia, Nova Celandia, Chile ou Arxentina para “caracterizar os seus hábitats polas funcións das macroalgas e analizar como é a relación coa dimensión funcional das comunidades dos peixes”, co obxecto de “descubrir se a diversidade de funcións do hábitat condicionan as funcións das comunidades dos peixes que residen neses hábitats submarinos”.
Un dos achados máis destacados da investigación sinala que “a función do comportamento gregario, particularmente nas especies de peixes que forman grandes bancos, vese afectada pola diversidade funcional das macroalgas. Isto débese a que as especies de peixes que exhiben este trazo tenden a alimentarse de plancto e zooplancto transportados polas correntes mariñas. Cando existe unha diversidade funcional elevada de macroalgas, estas actúan como freo para a velocidade da corrente, o que implica que os peixes se despracen cara a hábitats cunha menor diversidade funcional de macroalgas para alimentarse facilmente”.
Segundo José Antonio Sanabria, os resultados do estudo poderían extrapolarse ás rías galegas. Nun contexto no que “os bosques de macroalgas están en recesión debido principalmente ao quecemento global do planeta e a sobrepesca” coñecer os efectos potenciais que tería a perdida destes bosques de macroalgas sobre a comunidade de peixes que residen neles, permitiría tomar medidas preventivas para evitar a perda de funcións claves no ecosistema mariño. Isto é o punto de partida de novos traballos de investigación nos que se estudará a resilienca ecolóxica ou noutras palabras, a capacidade que teñen estes bosques de macroalgas de absorber perturbacións mantendo as súas funcións”.
Desde a perspectiva do investigador, é crucial preservar os bosques de macroalgas, resgardándoos como áreas prístinas e protexéndoos de perturbacións de orixe humana. En particular, en Galicia, as Illas Sisargas sobresaen como unha zona “notable pola presenza destes bosques de macroalgas”.