Ir o contido principal

Estudos Audiovisuais afonda nas vantaxes pedagóxicas da tecnoloxía de realidade mixta empregada nos platós virtuais

A xornada finalizou cunha visita dos participantes ás instalacións do novo plató virtual situado na Facultade de Ciencias da Comunicación.
A xornada finalizou cunha visita dos participantes ás instalacións do novo plató virtual situado na Facultade de Ciencias da Comunicación.
O proxecto CloudClass, que acaba de desenvolver un grupo focal internacional en Ciencias da Comunicación, contribúe á mellora da accesibilidade tecnolóxica como un dos elementos garantes dunha formación de calidade, igualitaria e diversificada
Santiago de Compostela

O proxecto ‘CloudClass: Low Cost, Mobile, Cloud & Template Based Augmented Reality Studio for Education’ contribúe á mellora da accesibilidade tecnolóxica como un dos elementos garantes dunha formación de calidade, igualitaria e diversificada. Así, o consorcio internacional, no que participa a USC a través do grupo de Estudos Audiovisuais, integra diferentes tecnoloxías de produción audiovirtual para construír unha ferramenta eficiente e accesible, tanto no aspecto económico como no da usabilidade, que potencie a ideación, creatividade e difusión dos contidos educativos. O grupo focal internacional que se desenvolveu esta semana en Ciencias da Comunicación permitiu que integrantes diversos da comunidade universitaria puidesen reflexionar, analizar e debater arredor das potencialidades dos platós virtuais no ámbito educativo.

Os investigadores Roi Méndez Fernández e Rocío del Pilar Sosa Fernández guiaron este grupo conformado por profesorado, persoal técnico e estudantado de programas de doutoramento de disciplinas tan diversas como as ciencias da comunicación, historia, ciencias da educación, psicoloxía, informática e química. A partir de exemplos de uso nas diferentes universidades que conforman o consorcio, os e as participantes discutiron activamente sobre a viabilidade, interese de uso, potencialidades, formatos axeitados e vantaxes pedagóxicas que a tecnoloxía de realidade mixta, empregada nos platós virtuais de televisión, pode achegar ao ámbito educativo universitario. A coordinación do grupo desenvolveuse conxuntamente con Jim Playfoot da empresa WhiteLoop e Kateryna Holubinka da Open Universiteit Nederland.

Simplificación

De feito, un dos obxectivos clave do proxecto radica na simplificación e perfeccionamento destas tecnoloxías para o seu uso por persoas non expertas, como poden ser docentes e discentes no ámbito universitario. Neste consorcio, Ciencias da Comunicación lidera a exploración das potencialidades dos usos didácticos das tecnoloxías de realidade mixta, a través do seu plató virtual, tal e como explica o investigador principal do proxecto e profesor da USC, Enrique Castelló Mayo.

O consorcio que desenvolve o proxecto conta con seis compoñentes principais: Brainstorm Multimedia, empresa española que desenvolve o software de realidade extendida; Stryme, compañía austríaca encargada de levar a execución do programa á nube para simplificar os requerimentos técnicos do mesmo; WhiteLoop, empresa británica que leva parte da consultoría educativa; Universidade Aberta dos Países Baixos, parte académica encargada de explorar o uso da tecnoloxía en contornas de docencia a distancia; a Universidade de Alicante, na que se realizan probas da versión de escritorio do software e a Universidade de Santiago de Compostela que, facendo uso das instalacións do plató virtual situado na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, transcende os límites tecnocreativos para a creación de contidos educativos nunha contorna profesional.

A xornada finalizou cunha visita dos participantes ás instalacións do novo plató virtual situado na Facultade de Ciencias da Comunicación, que acaba de ser renovado e que pronto se conformará como un servizo accesible a toda a comunidade universitaria.

Os investigadores Roi Méndez Fernández e Rocío del Pilar Sosa Fernández guiaron o grupo conformado por profesorado, persoal técnico e estudantado de programas de doutoramento
Os investigadores Roi Méndez Fernández e Rocío del Pilar Sosa Fernández guiaron o grupo conformado por profesorado, persoal técnico e estudantado de programas de doutoramento
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.02.2024.