Ir o contido principal

Eugenia Banet, da Unidade de Desordes da Alimentación do CHUS, gaña o Premio Humanitas

Os integrantes do xurado da sexta edición reuníronse este martes na Casa da Concha
Os integrantes do xurado da sexta edición reuníronse este martes na Casa da Concha

O xurado do VI Premio Humanitas, dedicado ás accións solidarias e convocado polo Consello Social e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (AAAAUSC) decidiu este martes recoñecer o labor de Eugenia Banet López de Rego polos traballos desenvolvidos na Unidade de Desordes da Alimentación do Complexo Hospitalario Universitaria de Santiago. A Insignia de Prata da Asociación e o premio en metálico seranlle entregados nunha cerimonia pública en datas posteriores.
Banet colaborou cos pais de pacientes diagnosticados de Trastornos da Alimentación na fundación da Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL) da que nestes momentos ocupa o cargo de tesoureira.
Conformaron o xurado desta edición o presidente e o voceiro do Consello Social, Manuel Puga Pereira e Emilio Crespo Correa; o presidente e secretaria da AAAAUSC, Perfecto Yebra Martul-Ortega e Luisa Balsa Anido; e o presidente da Asociación ONG Mi Perú, Xosé Carlos de Miguel Bouzas, gañador da anterior convocatoria en recoñecemento ao labor educativo desenvolvido coas persoas máis desfavorecidas dese país americano. Por parte do consello de dirección da USC asistíu o vicerreitor de Comunidade Universitaria e Compromiso Social, José Manuel Mayán Santos.
Os membros do xurado quixeron facer mención da alta calidade de todas as candidaturas recibidas, merecedores todas elas dun premio xa que cadanseu no seu eido de actividade fan un labor moi importante en beneficio da sociedade.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.01.2010.