EUniWell explica este mércores os detalles da novena convocatoria de Seed Funding para proxectos que promovan o benestar

A Universidade Europea para o Benestar (EUniWell) mantén aberto ata o día 25 o prazo de solicitude da novena convocatoria Seed Funding. Este programa de financiamento persegue que persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal técnico e administrativo de universidades pertencentes á Alianza poñan en marcha proxectos colaborativos que melloren de xeito diverso e significativo o benestar en distintos ámbitos, como a saúde, a educación, a investigación, a sociedade ou o medio ambiente.
Para dar a coñecer os detalles da convocatoria, a Oficina EUniWell da USC organiza unha sesión informativa este mércores 3, ás 11.00 horas, ben no Salón de Graos da Facultade de Dereito ou ben virtualmente a través de Teams. As persoas interesadas recibirán asesoramento sobre os requisitos para a presentación de proxectos, a busca de socios noutras universidades da Alianza e o proceso de avaliación. Haberá rolda de preguntas ao final. As consultas xerais sobre esta convocatoria poden dirixirse ao enderezo: euniwell [at] usc.gal (euniwell[at]usc[dot]gal).
Concibido como un programa de financiación colaborativo e aberto á participación de calquera membro da comunidade universitaria (persoal investigador, profesorado, estudantado e persoal administrativo), a convocatoria Seed Funding establece como requisito que en cada proposta participen membros de polo menos catro universidades da Alianza EUniWell. Cada proxecto seleccionado recibirá unha subvención de ata 25.000 euros e deberá completarse nun prazo máximo de 12 meses.
Proxectos seleccionados na 8ª convocatoria Seed Funding
Na pasada convocatoria Seed Funding de EUniWell, tres proxectos coordinados por profesorado da USC figuran entre as once propostas innovadoras e interdisciplinares que finalmente recibiron financiamento: WELLMOBE, coordinado por Raul Rios-Rodríguez da Área de Economía Aplicada, explora a equidade na mobilidade Erasmus+; R2CU, coordinado por Beltrán Puentes Cociña da Área de Dereito Administrativo, persegue implementar principios de economía circular nas universidades; e PILGRIM-APHY-TOUR, coordinado por Lucrezia Lopez da Área de Análise Xeográfica Rexional, estuda a peregrinación como unha forma de terapia de benestar. Ademais, outros catro proxectos seleccionados contan con participación de membros da comunidade USC.
Con estes resultados, a USC sitúase na oitava convocatoria Seed Funding como a primeira universidade do consorcio tanto en número de proxectos coordinados, como no que se refire a proxectos participados. Estes datos “poñen de manifesto a crecente implicación dos diferentes colectivos da nosa universidade nas actividades da Alianza, e anímannos a seguir traballando no afianzamento de EUniWell na nosa institución”, subliña a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.
Dende a súa primeira edición, o programa Seed Funding de EUniWell xa financiou máis de 70 proxectos colaborativos que tiñan como obxectivo central mellorar e promover o benestar en distintos ámbitos.