Un euro para un proxecto en Senegal por cada hora de estudo na USC
Dende o luns 5 de novembro ata o 5 de decembro, calquera estudante que se achegue ás bibliotecas da Universidade de Santiago poderá trocar unha hora de estudo por un euro para un proxecto solidario, nesta ocasión en Senegal. A décimo sexta edición da Olimpíada Solidaria de Estudo, creada pola ONGD Coopera, está coordinada na USC polo Servizo de Participación e Integración Universitaria (SEPIU).
A mecánica é moi sinxela: en cada sala de estudo habilitarase un terminal informático no que o alumnado ten que introducir a súa Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI) á entrada e saída do local. Para que se poida realizar o cómputo deberase acumular un mínimo dunha hora e un máximo de catro, período logo do que deberían volver introducir a tarxeta se queren seguir contabilizando tempo e, por extensión, cartos.
Este ano a USC conta para o proxecto coas zonas de estudo das bibliotecas de Formación do Profesorado e de Veterinaria e na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo. En Compostela, a Biblioteca Xeral e a Concepción Arenal, así como a Escola Técnica Superior de Enxeñaría e as facultades de Bioloxía, Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación (Campus Norte), Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía, Filosofía, Física, Matemáticas, Medicina, Psicoloxía e Ciencias da Educación, Química e Xeografía e Historia.
Ampliación da Escola Arco Iris de Senegal Coas horas de estudo que se reúnan este ano apoiarase a implantación do Ciclo de Primaria na Escola Infantil Arco Iris de Senegal, onde se imparte educación de calidade, clases de inglés e castelán, se programan actividades culturais, se lles realizan controis sanitarios ás nenas e nenos e se complementa a súa nutrición.
Mais as alumnas e alumnos que finalizaron infantil necesitan continuar os seus estudos, para o cal terían que trasladarse a outros colexios da zona con aulas saturadas e moi distantes das súas casas. A ampliación deste centro ha permitirlles ás distintas promocións continuar co novo ciclo oficial de ensino de 6 a 11 anos na que foi ata agora a súa escola, evitando así o risco que implicaría para os menores transitaren eles sos por traxectos perigosos e cruzamentos de estrada.
Para acadar máis información poden dirixirse a Ernesto Gómez, coordinador da Olimpíada na USC no teléfono 881.812.858 ou en sepiu.santiago [at] usc.es (sepiu[dot]santiago[at]usc[dot]es).