Ir o contido principal

A excepción española no anticlericalismo europeo do XIX, a análise nunha conferencia en Historia

O Grupo de Investigación en Historia Política e dos Nacionalismos (HISPONA) da USC organiza este mércores 24 o seminario ‘Anticlericalismo e vías de secularización na Europa do século XIX: A excepcionalidade española’ que impartirá a profesora Lisa Dittrich, da Ludwig-Maximilians-Universität (Múnic). A cita será ás 16:00 horas na Aula do Máster en Historia Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia. Na súa intervención, Dittrich exporá parte da súa tese doutoral, un traballo comparativo e transnacional sobre o anticlericalismo en Europa polo que lle outorgaron en 2012 o premio Max Weber da Academia de Ciencias de Baviera. Concretamente, na charla falará da excepcionalidade española no anticlericalismo contemporáneo europeo, “que se distinguía pola súa persistencia ata a Metade do século XX e polo seu alto nivel de violencia”. Para a profesora alemá a explicación das diferenzas entre os anticlericalismos europeos aínda formula interrogantes, debido en parte a que os estudos que analizan as particularidades españolas recorren ás diferenzas estruturais “sen levar a cabo unha verdadeira comparación da expresión anticlerical mesma”, aclara. Para rachar con esta tendencia, Diettrich exporá na súa conferencia o caso español dentro dun marco europeo no que o anticlericalismo tiña un obxectivo común, a secularización do estado ou da sociedade, “vontade que de ningunha maneira pode representarse como simple contraposición á relixión”. Por último, explicará as diferentes vías de secularización polas que optaron os países, especialmente visibles na forma en que se trataba a relixión na crítica anticlerical.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.09.2014.