Ir o contido principal

Éxito de participación no curso de clínica de furóns organizado por Aenda na residencia universitaria Jesús Bal y Gay

Membros de Aenda con Israel Iglesias, na residencia Jesús Bal y Gay
Membros de Aenda con Israel Iglesias, na residencia Jesús Bal y Gay

O curso de clínica de furóns organizado pola Asociación Estudantil de Natureza e Defensa dos Animais (Aenda) xunto coa organización sen fins de lucro Avafes Lugo na residencia universitaria Jesús Bal y Gay contou coa participación de máis de medio centenar de participantes, que seguiron as distintas sesións teóricas impartidas polo veterinario Israel Iglesias Rodríguez, responsable do Servizo de Cirurxía, Anestesia e Analxesia e do Servizo Integral de Furóns Huronvet.

A introdución á clínica dos furóns, a súa anatomía e fisioloxía clínica, manexo, nutrición e técnicas clínicas, así como casos clínicos de radioloxía e ecografía, centraron as sesións formativas da xornada de apertura desta actividade formativa, desenvolvida no salón de actos da residencia Jesús Bal y Gay.

As persoas inscritas neste curso, estruturado en dez horas de formación, tamén tiveron a ocasión de ampliar os seus coñecementos respecto de cuestións relacionadas coa reprodución, clínica e coas enfermidades das glándulas adrenais dos furóns, así como coas técnicas de analxesia, anestesia, monitorización e tamén coas prácticas cirúrxicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2015.