Ir o contido principal

Éxito da USC en Coimbra no encontro universitario ligado á música e ás súas orquestras

A Orquestra da USC no Conservatorio de Música de Coimbra. Foto: Facebook Orquestra USC
A Orquestra da USC no Conservatorio de Música de Coimbra. Foto: Facebook Orquestra USC

A Orquestra da Universidade de Santiago de Compostela participou esta fin de semana en Coimbra no II Encontro Universitario de Orquestras Académicas organizado pola Tuna da Universidade desa cidade portuguesa, unha formación inspirada pola Tuna Compostelá hai 130 anos nunha visita a Santiago.

A Orquestra da USC abriu o concerto interpretando obras de Händel e do Mestre Rodrigo, do que o vindeiro ano se cumprirá o 20º aniversario do seu pasamento. Actuou tamén a Orquestra Académica da Universidade de Coimbra, creada hai cinco anos, cun magnifico concerto con obras de envergadura e de dificultade como pezas sinfónicas de De Souza, Debussy e Berstein.

Encontros coma estes dan sentido, en opinión do director da Orquestra da USC, Mario Diz, “ao esforzo cultural que promoven as Universidades, e no caso da nosa especialmente á música a través do proxecto da Orquestra da USC”, que este curso cumpre nove anos de vida con máis de 60 concertos, cinco centos de intérpretes e máis de 4.200 asistentes aos seus concertos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.11.2018.