Ir o contido principal

A experimentación animal reduciuse na USC un 20% dende 2019

O CEBEGA é un dos centros contemplados no informe. FOTO: Santi Alvite
O CEBEGA é un dos centros contemplados no informe. FOTO: Santi Alvite
O ‘Informe sobre o uso de animais en experimentación na Universidade de Santiago de Compostela en 2022’ dáse a coñecer con motivo do día dedicado á campaña internacional pola comunicación proactiva da investigación con animais BOARD ‘Be Open about Animal Research Day’
Lugo, Santiago de Compostela

A experimentación animal veuse reducida na USC un  20% con respecto a 2019, ano previo ao inicio da pandemia. Esta é unha das principais conclusións do ‘Informe sobre o uso de animais en experimentación na Universidade de Santiago de Compostela en 2022’ que a USC dá a coñecer este xoves, 15 de xuño, coincidindo co día dedicado á campaña internacional pola comunicación proactiva da investigación con animais BOARD ‘Be Open about Animal Research Day’, coordinada pola European Animal Research Association. Malia que a normativa vixente non obriga ás institucións que botan man de animais en experimentación a facer públicas as estatísticas de uso, a USC súmase á xornada BOARD a través dun exercicio de transparencia coa presentación anual deste documento. 

Na institución compostelá, empregáronse un total de 18.393 animais de experimentación ao longo de 2022, un número lixeiramente menor que o ano anterior. Ademais, o número de animais empregados de media en cada proxecto experimentou unha redución do 10%. En total, tal e como evidencia o informe, durante o ano 2022 realizouse experimentación con animais en catro centros da USC. Trátase do Animalario de investigación e o Acuario da RIAIDT, os dous pertencentes ao Campus de Lugo, e o Acuario da Facultade de Bioloxía, xunto co Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA), situados en Compostela. Neste senso, cómpre salientar que o número de animais reduciuse malia verse incrementado os número de proxectos autorizados que pasaron de 51 a 56.

Estudo do sistema endócrino e metabolismo 

Os procedementos realizados pódense encadrar en tres tipos principais de finalidade: a investigación básica, que é o uso maioritario cun 70%; a investigación traslacional e aplicada (case o 30%); e, moi minoritariamente, o uso para a formación (apenas o 0,1%). Estas proporcións mantéñense practicamente iguais ás de anos anteriores. En investigación básica, o estudo do sistema endócrino e o metabolismo é o uso maioritario, superando o 55 % dos animais empregados para esta finalidade. Entre os obxectos da investigación traslacional e aplicada, o estudo das enfermidades dos animais constitúe a meta fundamental.

O rato é a especie máis empregada en experimentación na USC (máis do 70%), seguido do grupo ‘outros peixes’ (19,1%, que inclúe peixes de consumo, como linguado ou rodaballo), a rata (5,0%) e o peixe cebra (1,3%). Non se teñen empregado outros tipos de animais en experimentación nin durante o 2022 nin desde o ano 2014. “En conxunto os datos indican unha estabilización no número de animais empregados para experimentación e apuntan á evolución cara a procedementos menos severos en todos os grupos de especies”, explican as persoas autoras do informe, Beatriz Magariños Ferro, José María Méndez Figueiras, Azucena Mora Gutiérrez, Sonia Vázquez Rodríguez e Anxo Vidal Figueroa. 

Marco legal 

A experimentación con animais é unha actividade estritamente regulada no marco normativo español. A lexislación española actual, o ‘Real Decreto 53/2013, de 1 de febreiro, polo que se establecen as normas básicas aplicables para a protección dos animais utilizados en experimentación e outros fins científicos, incluíndo a docencia’, que traspón a Directiva europea 2010/63/UE, ten como obxectivo último a substitución total dos animais empregados en procedementos científicos. Esta lexislación consagra ademais o chamado principio das 3R como o principio xeral de traballo, empregando alternativas á experimentación sempre que sexa posible. O principio das 3R busca Remprazar, Reducir e Refinar o uso de animais en experimentación. Neste senso, os datos difundidos dende a USC “pódense considerar positivos” dende o punto de vista do cumprimento co principio das 3 Rs no seo da institución compostelá.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2023.