Expertas da USC participan nunha xornada sobre a igualdade de xénero no traballo
Expertas da Universidade de Santiago participan na xornada ‘Igualdade no traballo?’ que se celebrará o mércores 23 no Salón de Graos da Facultade de Dereito a partir das 10.00 horas. A cita analizará as diferenzas entre homes e mulleres no eido laboral e contará coas intervencións, entre outros expertos, da Coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo, e das profesoras María Xosé Rodríguez Galdo, Montserrat Villarino Pérez e Milagros Otero Parga. Mentres a catedrática de Historia e Institucións Económicas María Xosé Rodríguez Galdo falará sobre o profesorado universitario e corresponsabilidade familiar, a profesora de Xeografía Humana Montserrat Villarino Pérez explicará os novos vínculos co rural das mulleres na actualidade e a catedrática de Filosofía do Dereito Milagros Otero Parga analizará a presenza da muller no acceso á xudicatura. A xornada está dirixida a estudantes da USC, profesionais dos Colexios Oficiais de Graduados e Graduadas Sociais, de Educación Social, de Traballo Social e demais profesionais relacionados coa materia e persoas interesadas en xeral. Está organizada polo Consello Galego de Relacións Laborais.