Ir o contido principal

Expertos de Alemaña, Israel, Italia, Portugal, Turquía e España presentan en Santiago os últimos avances tecnolóxicos aplicados á Odontoloxía

Será no transcurso do décimo congreso da Sociedad Española de Láser Odontoestomatológico (SELO) que se presenta este martes

Santiago de Compostela congregará a vindeira fin de semana, por vez primeira en Galicia, aos principais expertos nacionais e internacionais na aplicación das novas tecnoloxías á Odontoloxía, con especial énfase na utilización do Láser. Será no transcurso do décimo Congreso da Sociedad Española de Láser Odontoestomatológico (SELO) que se celebra os días 12 e 13 de febreiro na Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC.
Os principais detalles deste encontro que pretende avanzar na aplicación das novas tecnoloxías á mellora da saúde e do benestar dos doentes presentaranos en rolda de prensa o presidente e a secretaria do comité organizador, Gonzalo López Castro e Mercedes Gallas Torreira. Será nun acto que se vai celebrar na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca este martes 9 a partir das 11:30 horas.
Cualificado co recoñecemento de interese sanitario da Xunta de Galicia e acreditado pola Consellaría de Sanidade, entre os conferenciantes atópanse os presidentes da Academia Europea de Medicina Oral, da Federación Mundial do Láser e da Sociedade Española de Medicina Estética, ou o xefe de servizo de Avaliación de Riscos da Axencia Española de Medicamentos, entre outros, ademais de profesionais que actualmente traballan en múltiples ámbitos da saúde bucal.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.02.2010.