Expertos en atención educativa ao inmigrante avalían en Psicoloxía experiencias e novas propostas innovadoras
Ao longo de dúas xornadas na Facultade de Psicoloxía, o VII Seminario Nacional de Atención Educativa ao Alumnado Inmigrante avaliará experiencias e novas propostas innovadoras neste ámbito. O reitor Juan Casares presidirá a sesión inaugural nun acto ás 17.30 horas no Salón de Actos da Facultade de Psicoloxía no que tamén participarán o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; a decana da Facultade de Psicoloxía, Carolina Tinajero; o director do departamento de Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social, José A. Caride; e o director do seminario, o profesor Miguel A. Santos Rego. A directora da Cátedra Unesco de Cultura de Paz e Dereitos Humanos, a profesora Mar Lorenzo, presentará o primeiro relatorio a partir das 18.00 horas co título ‘Familia e inmigración: a experiencia educativa en Galicia’. Deseguido, celebraranse dous obradoiros simultáneos dedicados á mediación e xestión educativa da diversidade cultural e á competencia dixital e proxectos educativos interculturais. ‘Aprender ou adquirir segundas linguas. O que entra e o que queda’ é o título do segundo relatorio do programa, que impartirá a profesora da USC María Teresa Díaz García, dando paso a outros dous obradoiros simultáneos nos que se prestará atención ao deseño de materiais para a educación intercultural e ao cine como recurso educativo de carácter intercultural. Pola tarde, está prevista a presentación de experiencias e casos de boas prácticas de centros de ensino medio da Coruña, Lugo e Pontevedra na aprendizaxe cooperativa e diversidade cultural nos centros educativos de Galicia. Para pechar o programa, o profesor Marcial Gondar ofrecerá a conferencia ‘ Migracións, educación e desenvolvemento cultural’.