Ir o contido principal

Expertos estudarán o impacto ambiental e a súa tutela nun curso na Facultade de Dereito

Expertos e profesores de diferentes universidades españolas participarán entre os días 11 e 13 de xullo no curso de verán da USC ‘Avaliación de impacto ambiental. Tutela pública e intereses privados’ que se celebrará no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Relatorios e mesas redondas abordarán temas como os estudos de impacto ambiental, a súa relación cos proxectos enerxéticos ou portuarios, o impacto ambiental no patrimonio histórico ou nos espazos naturais protexidos.
O programa comeza o mércores 11 coa intervención do catedrático de Dereito Administrativo da Universidade do País Vasco, Agustín Garcia Ureta, sobre a transposición e interpretación xurisprudencial da normativa comunitaria de impacto ambiental. A continuación celebrarase unha mesa redonda para debater os proxectos sometidos a avaliación de impacto e a definición previa do ámbito do estudo, no que participarán o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de León, Tomás Quintana López e o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Alicante, Juan Rosa Moreno. Pola tarde continuarase co tempo de debate, coa celebración de dúas mesas redondas, neste caso sobre o procedemento de avaliación de impacto e os seus problemas, e sobre a calidade dos estudos de impacto ambiental e das declaracións deste impacto.
O martes, día 12, o curso centrarase nos plans e proxectos enerxéticos e no impacto ambiental no patrimonio. Deste xeito comeza a xornada coa mesa redonda sobre a integración da avaliación na autorización ambiental integrada, na que participarán profesores de dereito administrativo das universidades da Coruña e de Alacante. No segundo debate do día analizaranse os plans e proxectos enerxéticos e avaliación de impacto ambiental, coas intervencións do director do Instituto Enerxético de Galicia, Xoán Ramón Doldán, e do vogal de Enerxía e Transporte de Verdegaia, Xosé Veiras Garcia. Ese mesmo día pola tarde a conselleira do Consello Asesor de Desenvolvemento Sostible da Generalitat e Comisionada para o Desenvolvemento Sostible do Porto de Barcelona, a profesora de dereito administrativo Isabel Pont i Castrejón, e a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira López abordarán o Impacto ambiental en plans, programas e proxectos portuarias con exemplos prácticos. Remata a xornada cunha nova mesa redonda sobre a influencia no patrimonio histórico e arqueolóxico, tema que discutirán o profesor de Dereito Administrativo e secretario xeral da Consellaría de Cultura, Carlos Amoedo Souto, e o membro do Laboratorio de Arqueoloxía do CSIC, David Barreiro Martínez.
O último día do curso dedicarase á nova normativa de avaliación ambiental e aos planeamentos urbanísticos en espazos naturais protexidos. Deste xeito, pola mañá celebraranse dúas mesas redondas, a primeira delas titúlase ‘A nova normativa de avaliación ambiental estratéxica’ que explicarán dous profesores das universidades de Zaragoza e do País Vasco e a segunda versará sobre a avaliación estratéxica do planeamento urbanístico e nela participarán o director xeral do Instituto Galego Vivenda e do Solo, Daniel Pino; o director xeral de Desenvolvemento Sostible, Emilio Fernández Suárez; e o catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence Deza. Na quenda de tarde, e para rematar o curso, os temas a tratar serán a implantación de actividades en espazos naturais protexidos e os planos e proxectos con efectos transfronteirizos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.06.2007.