Expertos estudarán a xestión das áreas incendiadas en Galicia nun curso na Escola Politécnica Superior de Lugo
Expertos, profesores e investigadores estudarán as posibilidades da xestión das áreas incendiadas en Galicia nun curso de verán a desenvolver, entre o 16 e o 19 de xuño na Escola Politécnica Superior de Lugo, baixo a dirección de Elvira Díaz Vizcaíno e Antonio Rigueiro.
O programa comezara cunha análise do director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellaría de Medio Ambiente, Emilio Fernández Suárez, da relación entre o cambio climático e os incendios forestais. Ese mesmo día tamén se abordará o efecto sobre o solo, a erosión e a paisaxe.
Na xornada do martes 17 analizarase o risco de incendio e comportamento do lume e a historia dos incendios forestais en Galicia e se levará a cabo, mediante a identificación cartográfica de áreas incendiadas, unha análise de combustibilidade. Xa pola tarde, os relatorios centraranse na conservación de matogueiras e na restauración da vexetación en ambiente mediterráneo.
O terceiro día do curso o tempo da mañá estará ocupado nunha visita guiada para coñecer de primeira man a xestión de áreas incendiadas, onde os profesores da USC Antonio Rigueiro Rodríguez e Rosa Mosquera Losada, explicarán as posibilidades dos sistemas silvopastorais como técnica de prevención de incendios e de recuperación de áreas. Pola súa banda, a tamén profesora da USC Elvira Díaz Vizcaíno falará sobre o caso concreto da rexeneración de matogueiras da Serra do Careón.
A última xornada, Pablo Ramil Rego, do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural da USC, disertará sobre os incendios e a xestión da biodiversidade, seguido polo profesor Antonio Rigueiro Rodríguez, que falará sobre o silvopastoreo. Como remate, Jesús de la Fuente Villar, do Servizo de Montes e Industrias Forestais da Delegación Provincial da Consellaría de Medio Rural en Pontevedra, explicará os plans de prevención e extinción de incendios e de xestión de áreas incendiadas.