Expertos europeos analizan o sistema de reparto de cotas de pesca e os subsidios á pesca artesanal na política da Unión Europea
Un equipo de investigadores de Alemaña, Grecia, España, Malta e Portugal no que participa o profesor de Economía Aplicada da USC Sebastián Villasante discuten estes días 1 e 2 de abril na Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC sobre a Política Pesqueira Común (PPC) da Unión Europea. A xuntanza enmárcase na Acción Cost europea ‘ Ocean Governance for Sustainability – Challenges, Options and the Role of Science’) que coordina dende a Universidade alemá de Bremen a profesora Anna-Katharina Hornidge.
Unha das reformas máis relevantes da PPC consiste na efectiva implementación por parte dos Estados membros do art. 17, que establece que ao asignar as posibilidades de pesca se aplicarán criterios transparentes e obxectivos, incluíndo os aspectos ambientais, económicos e sociais cando se reparten as oportunidades de pesca. Os criterios poden incluír, entre outros, a achega á economía local e os niveis históricos de captura ou o impacto da pesca no medio ambiente mariño.
Outro aspecto de gran relevancia de cara ao cumprimento do Obxectivo 14 de Desenvolvemento Sustentable por parte da Unión Europea é o outorgamento de subsidios á industria pesqueira. De acordo cos estudos científicos, a pesca artesanal só recibiu 16% dos 35 mil millóns de euros que os gobernos destinaron a nivel global ao sector pesqueiro.
Os investigadores analizarán as alternativas nos criterios de reparto para especies claves para a nosa pesca en Galicia como a sardiña, xarda ou xurelo, así como a necesidade de manter axudas para a pesca artesanal no próximo programa de axudas da UE no período 2021-2027, que se votará no Parlamento Europeo o día 3 de abril de 2019.