Ir o contido principal

Expertos internacionais en análise do discurso inician un encontro en Filoloxía

De esquerda a dereita, Mª de los Ángeles Gómez, Juan Casas, Juan Casares e Luis Iglesias
De esquerda a dereita, Mª de los Ángeles Gómez, Juan Casas, Juan Casares e Luis Iglesias
Desenvolverase na USC ata o próximo venres 9

O primeiro Encontro Internacional de Santiago de Compostela sobre a Análise do Discurso (IWoDA’11) celebrarase na Facultade de Filoloxía dende este luns 5 ata o próximo venres 9. Organízano os grupos de investigación Scimitar, que lidera a catedrática Mª de los Ángeles Gómez, e D&I (Discurso e Identidade) coordinado polo profesor José Manuel Barbeito, coa colaboración doutros tres grupos da Universidade da Coruña, AMERGIN, CLIN e MUSTE.

O Salón de Graos do centro compostelán acolleu este luns a inauguración presidida polo reitor Juan Casares, nun acto que contou coa presenza do vicedecano do centro, Juan Casas; do director do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Luis Iglesias; e da responsable da organización de IWODA’ 11, Mª de los Ángeles Gómez. O obxectivo é a posta en común de técnicas, metodoloxías e ferramentas diversas para analizar, realizando estudos de caso, o discurso dende distintas perspectivas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva,/psicolingüística, sociolóxica ou semiótica). Esta iniciativa permitirá tamén o establecemento de sinerxías entre investigadores, grupos de investigación e institucións, de xeito que IWoDA se constitúa nun referente internacional no ámbito dos estudos discursivos interdisciplinarios. En calidade de relatores convidados, participaran prestixiosos académicos e recoñecidos especialistas de renome internacional como Christopher S. Butler, Mike Scott, Paul Baker, Peter Stockwell, Melissa Moyer ou Constantino Arce, así como de máis de corenta expertos de todo o mundo, entre lingüistas, psicólogos, sociólogos ou filólogos, como integrantes do Comité Científico. Entre eles, atópanse Douglas Biber, Ian Parker, Michael Bamberg, Ruth Wodack, Alexandra Georgakopoulou, Gunther Kress, Michael Toolan, Angela Downing, Jan Renkema ou David Kaufer, entre outros.

O programa do martes 6 principiará ás 10:00 horas achegándose na sesión matinal aos métodos de investigación no estudo da linguaxe, baixo a coordinación do profesor da Universidade de Swansea Christopher S. Butler. Pola tarde, dende as 16:00 horas, Constantino Arce dirixe a segunda quenda da xornada onde os asistentes se introducirán na análise estatística con SPSS 2. Toda a información relativa a IWoDA’11 está dispoñible na súa propia web en http://www.usc.es/congresos/iwoda/index.html.

O encontro estenderase ata o próximo día 9 na Facultade de Filoloxía

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.09.2011.