Ir o contido principal

Expertos internacionais avaliarán na USC a incidencia da innovación tecnolóxica no traballo dende o punto de vista legal

Cartel do encontro
Cartel do encontro
Celebrarase en abril coa participación de persoal experto de Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia, Portugal Reino Unido e Rusia

Un congreso internacional reunirá o vindeiro mes de abril en Compostela a persoal investigador procedente de Alemaña, España, Francia, Italia, Polonia, Portugal Reino Unido e Rusia para analizar dende diversos enfoques legais a influencia da innovación tecnolóxica no futuro do traballo. A súa coordinadora é a profesora da Facultade de Dereito Lourdes Mella Méndez, coordinadora xeral de CIELO laboral e investigadora do grupo Empresa y Administración da USC.

Co lema ‘ Innovación tecnolóxica e futuro do traballo: aspectos emerxentes no ámbito mundial’, o congreso céntrase na influencia do actual desenvolvemento dixital e de innovación tecnolóxica na conformación “dunha nova forma de traballar e vivir que se presenta como autenticamente disruptiva e que xa se designa como a ‘Cuarta Revolución Industrial’”, explica a profesora Lourdes Mella. Esta nova revolución “vai marcar o futuro do traballo no mundo, tal e como están recoñecendo todos os organismo internacionais, entre eles, a Organización Internacional do Traballo”, apunta a investigadora.

O congreso a celebrar en Compostela os días 5 e 6 de abril de 2018 aborda especificamente a relación da innovación tecnolóxica e o seu impacto no emprego, no contrato de traballo individual e nas relacións colectivas. Neste senso, o encontro incide en temas de máxima actualidade e procurará dar resposta “a unha inxente cantidade de problemas xurídicos que poden derivar estes profundos cambios tecnolóxicos, sociais e laborais que vivimos”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.03.2018.