Ir o contido principal

Expertos internacionais debaten na facultade de Relacións Laborais sobre xénero e mercado laboral

O grupo de investigación da USC GAME-IDEGA e o proxecto IMAGEN organizan este xoves 18 e o venres 19 na Facultade de Relacións Laborais a xornada internacional ‘Impacto macroeconómico da discriminación de xénero: estado da cuestión’. No seminario, vinculado ao proxecto ‘Consecuencias Macroeconómicas da Discriminación de Xénero’ financiado polo Instituto da Muller, analizaranse as diferentes dimensións das desigualdades económicas de xénero como os salarios, a participación laboral, a mobilidade, o nivel educativo, os usos do tempo e incluso a saúde. Este primeiro encontro do proxecto IMAGEN inclúe no seu programa a participación de numerosos investigadores de recoñecido prestixio como Ronald Oaxaca, da Universidade de Arizona; Mary Gregory, de Oxford; Karen Mumford, de York; Dominique Meurs, da Paris Ouest-Nanterre la Défense; ou Sergio Destefanis, da Università degli Studi di Salerno, entre outros. O proxecto IMAGEN nace como unha rede de investigación sobre as interrelacións entre as evidencias obtidas a nivel microeconómico da discriminación por xénero e os seus efectos no desenvolvemento dunha economía a nivel agregado e no seu crecemento económico. É dicir, o proxecto ten como obxectivo analizar as consecuencias da discriminación social ademais da individual.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.07.2013.