Ir o contido principal

Expertos internacionais debaten na USC sobre dereito contractual e consumo

No encontro, o grupo EuSoCo presentará o libro Life estafe contracts

O Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do investidor da USC (CERGI), en coordinación co grupo EuSoCo (www.eusoco.eu), celebrará este venres 17 no Salón de Graos da Facultade de Dereito a xornada internacional ‘A Review of long term contracts and human needs’, na que tamén se inclúe a presentación do libro LIfe estafe contracts de recente aparición e que xa foi presentado en Luxemburgo, Londres, Porto Alegre e Montreal. Durante a xornada, desenvolveranse sesións de traballo pola mañá e a tarde onde os académicos do grupo EUSOCO intercambiarán opinión e establecerán bases para futuros traballos e encontros internacionais. Participarán personalidades internacionais e locais relacionadas con temas de consumo e do Dereito Contractual como Udo Reifner, Luca Nogler, Juana Pulgar, Javier Lete, Fernando Gallardo, Francisco Hernández, entre outros. As persoas que desexen obter un certificado de asistencia ou máis información poden consultar a web do CERGI (www.usc.es/crgi) ou escribir a cergi [at] usc.es (cergi[at]usc[dot]es). Libro A obra Life estafe contracts é unha achega dun grupo de expertos europeos (coñecidos como grupo EuSoCo) procedentes das universidades de Hamburgo, Trento, Autónoma de Madrid, Complutense, Nantes, Manchester ou Santiago de Compotela, entre outras. Neste volume propoñen unha renovación fundamental na regulación dos contratos que se establecen cos consumidores, en áreas que inciden de forma específica sobre a cobertura de necesidades básicas para as persoas como a vivenda, o traballo ou o crédito para a adquisición de bens e servizos de consumo. Superando a aproximación habitual que incide case unicamente en obrigar a vendedores e provedores de servizos a transmitir detalladas informacións aos consumidores, o grupo EuSoCo avoga por novas vías de protección ao longo de toda a duración destes contratos de traballo, vivenda e consumo.

A presentación do volume comezará ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2014.