Ir o contido principal

Expertos internacionais do Observatorio Pierre Auger reúnense esta semana na USC para analizar as últimas investigación arredor dos raios cósmicos

O encontro, que comezou na Facultade de Medicina, estenderase ata o próximo venres
O encontro, que comezou na Facultade de Medicina, estenderase ata o próximo venres
Os raios cósmicos son as partículas máis enerxéticas do universo coñecidas ata o momento

Preto de 160 científicos pertencentes aos diversos países integrantes da colaboración Internacional Pierre Auger asisten na USC, ata o próximo venres 24, á xuntanza xeral que a colaboración celebra para analizar as últimas investigacións desenvolvidas arredor dos raios cósmicos. É unha xuntanza que na edición compostelá organizan investigadores do grupo de Física de Astropartículas do Departamento de Física de Partículas e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, baixo a coordinación do profesor Enrique Zas e da investigadora Inés Valiño. As distintas sesións de discusión celebraranse na súa maioría na Facultade de Medicina, mentres que a sesión de clausura trasladarase ao Mosteiro de San Martín Pinario. O programa científico comezou este luns 20. A colaboración Internacional Pierre Auger está formada por aproximadamente 450 científicos de 17 países que trata de estudar as partículas máis enerxéticas do universo coñecidas ata o momento, os raios cósmicos. Os expertos tratan de determinar a súa natureza, enerxía e lugar de orixe como camiño para comprender mellor o universo. Para os estudos destes raios, a colaboración conta co detector máis grande do mundo, o Observatorio Pierre Auger, composto por 1.600 detectores de superficie e 24 de fluorescencia que cobren unha área de aproximadamente 3.000 quilómetros cadrados na rexión de Marlagüe en Arxentina. As investigacións desenvolvidas ata o momento sobre os raios cósmicos permitiron determinar que se trata dunhas partículas cargadas cunha enerxía dez millóns máis elevada que as do acelerador de partículas LHC do CERN. O profesor Enrique Zas explica que estes raios son “auténticos mensaxeiros dunha parte descoñecida do universo” e “a súa investigación servirá para o desenvolvemento dunha nova Astronomía”.

Nas xuntanzas xerais que a colaboración organiza periodicamente preséntanse os últimos resultados científicos acadados polos investigadores así como as perspectivas de futuro. Trátase de investigacións de interese dende o punto de vista da Física de Partículas, dado que as colisións que se producen cando estas partículas de alta enerxía chegan á Terra “son descoñecidas para os físicos que estudan a enerxía cotiá”. As persoas interesadas poden acadar máis información na páxina web http://fpaxp1.usc.es/aanalysis/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.06.2011.