Ir o contido principal

Expertos internacionais de primeira orde participan nun encontro sobre as políticas de innovación e o investimento en empresas innovadoras

O seminario internacional inaugúrao este xoves o conselleiro de Innovación e Industria no Hostal dos Reis Católicos

O grupo de investigación ICEDE da USC organiza os días 29 e 30 de novembro un seminario internacional no que se analizarán as novas orientacións da política de innovación en diferentes partes de Europa e do mundo no relativo á promoción de investimentos innovadores e creación de empresas con alto potencial de crecemento.
A atención dos participantes centrarase nas vías de promover o venture capital privado formal e informal (business angels) como ferramenta para a emerxencia e arranque de novos proxectos emprendedores que contribúan á diversificación do tecido produtivo e á emerxencia dun cluster de alta tecnoloxía na industria e nos servizos, condición esencial para o reforzamento da capacidade competitiva do noso país e a creación de empregos de alta cualificación.
InauguraciónO encontro inaugúrao o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, este xoves 29 ás 12:00 horas na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos. A continuación, o catedrático de Economía Aplicada da USC e coordinador do ICEDE, Xavier Vence, pronunciará a conferencia inaugural ‘Novos instrumentos de mercado na política de innovación: o venture capital e os business angels’.
Logo do acto de apertura terá lugar a conferencia de Phil Cooke, profesor da Universidade de Cardiff (País de Gales) e director da revista European Planning Studies, sobre as novas estratexias en políticas rexionais de innovación en Europa.
Presentación en Galicia do Mercado Alternativo BursatilO catedrático da Universidade de Xerusalén e especialista en políticas de innovación e venture capital, Morris Teubal, será quen dea comezo á sesión da tarde do xoves, ás 16:00 horas, co relatorio ‘A configuración do cluster de alta tecnoloxía e a política de capital risco: a experiencia de Israel e Silicon Valley’. Teubal é asesor da Unión Europea e de diferentes países para políticas de tecnolóxicas.
Deseguido, terá lugar a presentación por primeira vez en Galicia do novo Mercado Bursatil Alternativo da Bolsa de Madrid, coa participación do seu presidente e director xeral, Antonio Giralt e Jesús González respectivamente. Trátase dun instrumento de potencial utilidade para facilitar as saídas ao capital risco e business angels.
Expertos europeosNo seminario, no que os membros de ICEDE darán a coñecer os resultados principais dun proxecto que veñen de rematar sobre esta materia, participarán outros expertos europeos de primeiro nivel como Rudy Aernoudt, ex ministro de innovación e empresa de Flandes e experto mundial en Business Angels; Claire Munck, secretaria executiva de EBAN (Rede Europea de Business Angels); ou Martí Pellón, catedrático da Complutense e o primeiro experto español en Capital Risco.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.11.2007.