Ir o contido principal

Expertos internacionais reuniranse na USC nunha conferencia internacional que relaciona destino turísticos e patrimonio

O Centro de Estudos Turísticos da USC (CETUR) organiza en colaboración co Instituto Politécnico de Leiria e a Universidade de Salento unha conferencia internacional co lema ‘1st EJTHR International Conference Destination Branding, Heritage and Autenticity’. Este encontro celebrarase os días 21 e 22 de xuño no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia promovido polo European Journal of Tourism, Hospitality and Recreation. Durante estes dous días intervirán destacados especialistas no ámbito da investigación turística, situando a Santiago nun lugar relevante do debate turístico. Entre outros estarán presentes John Eade, da Universidade de Roehampton, quen falará sobre globalización e lugares sagrados; o docente da Universidade de Birmingham Mike Robinson referíndose a patrimonio; Noga Collins, da Universidade de Haifa, que relacionará os espazos sagrados e patrimoniais; Agustín Santana, da Universidade de La Laguna, achegará unha visión antropolóxica do turismo; e Knut Lindkvist cunha reflexión sobre os fisterras europeas. Ademais, está prevista a intervención doutras especialistas como Anna Trono da Universidade de Salento, Maria Santos do Instituto Politécnico de Leiria ou Fiorella Daralli da Universidade de Boloña, entre outros. Ademais das conferencias que se presentarán, debateranse máis de 100 traballos multidisciplinares presentados por especialistas procedentes de 30 países, como Australia, India, Turquía, Nixeria, Brasil, Italia, Portugal, Israel ou Irán. As persoas interesadas en obter máis información ou formalizar a inscrición poden consultar a web do encontro http://www.project.ejthr.com.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2012.