Ir o contido principal

Expertos internacionais revisarán na USC a perspectiva xurídica da violencia de xénero, psicolóxica e sexual

Será nun congreso que se inaugura o vindeiro luns 15

A Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da USC revisará dende a perspectiva xurídica a incidencia da violencia de xénero, do acoso moral ou psicolóxico (mobbing), así como do acoso sexual e discriminatorio no contorno laboral facendo especial fincapé na súa regulación dende o Dereito do Traballo español e comparado. Este será o tema central do congreso internacional ‘Violencia, saúde e traballo en tempo de crise. Violencia de Xénero, psicolóxica e sexual no Dereito do Traballo’. A inauguración oficial celebrarase o luns 15 ás 9.30 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito baixo a presidencia do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, e no que está prevista a presenza ademais do director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; o subdirector xeral de Estudos e Cooperación do Instituto da Muller, Mariano Álvaro Page; a decana en función da Facultade de Dereito, Isabel Espín; e as coordinadoras deste congreso, as profesoras Lourdes Mella e Consuelo Ferreiro. Deseguido comezará o programa cun relatorio do maxistrado do Tribunal Constitucional Fernando Valdés sobre dereitos fundamentais e violencia no lugar de traballo. Para completar a sesión matinal abordarase o estudo da violencia de xénero en España e en Portugal. O Congreso celebrarase do 15 ao 17 de xullo na USC e contará coa presenza de expertos de España, Italia, Portugal, Francia, México ou Rusia, o que permitirá unha abordaxe das cuestións propostas dende un enfoque internacional. Dereitos fundamentais e violencia no traballo, a violencia de xénero en España e Portugal, o acoso moral ou psicolóxico en Francia, Italia, Portugal, México e España ou a política da Organización Internacional de Traballo e da UE sobre saúde e riscos psicosociais son algúns dos temas que se presentarán en forma de conferencias. O programa tamén incluirá unha serie de seminarios monográficos e sesións interactivas sobre a violencia de xénero na perspectiva do dereito internacional e comparado, a súa relación coa autonomía colectiva e a protección social, o poder de dirección e organización do empresariado e os riscos psicosociais no traballo ou cuestións de protección social no caso de persoas con discapacidades. Este congreso está coorganizado xunto coa Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, co patrocinio da Xunta de Galicia e o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA). Para acadar máis información, está dispoñible a web: http://derechodeltrabajoyviolencia.wordpress.com/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.07.2013.