Expertos en literatura analizaron os usos do clásico esta semana en Santiago

Os usos do clásico centraron o segundo coloquio da primavera que este venres se clausurou no Centro de Estudos Avanzados da man dos tres Grupos de Investigación da USC de Teoría da Literatura e Literatura Comparada, ‘Emilia Pardo Bazán’ e Galabra, ademais das Universidades de Santiago, Coimbra e Minho. No acto de clausura, presidido polo reitor da USC Juan Casares Long, participaron os catedráticos da USC Fernando Cabo Aseguinolaza, José Manuel González Herrán, Darío Villanueva e a investigadora Raquel Bello Vázquez. Segundo os organizadores, que sosteñen que a modernidade cultural se afirma na converxencia co concepto do clasicismo, pensar o clásico e os clásicos supón pensar o lugar da literatura, as súas transformacións históricas e as súas relacións cos mecanismos de transmisión da memoria cultural. O coloquio articulouse en cinco sesións sobre abordaxes específicos do clásico como son a súa crítica, a edición dos clásicos no século XXI, o seu lugar no sistema literario, a ensinanza e as remediacións e traducións.