Ir o contido principal

Expertos en neurociencia e computación homenaxean ao profesor José Mira no seu congreso internacional IWINAC 2009

As principais novidades relativas ás interrelacións entre neurociencia e computación están a ser analizadas no congreso internacional IWINAC 2009 (International Work-Conference on the Interplay between Natural and Artificial Computation) que se celebra estes días na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago. O evento dedícase á memoria do profesor José Mira, falecido o pasado agosto.
O encontro inaugurouse este martes nun acto no que participaron o reitor Senén Barro; o presidente do comité organizador de IWINAC, o profesor da Universidade Politécnica de Cartagena José Manuel Ferrández; o director da Escola Técnica Superior de Enxeñaría Informática da Uned, Roberto Hernández; e o alcalde de Pinoso, José Mª Amorós Carbonell, que fixo entrega in memorian da medalla de ouro da cidade a José Mira.
No congreso abórdanse aspectos relacionados coa neurociencia computacional, computación bio-inspirada e outras formas de computación natural. Tamén se inclúe un amplo apartado sobre aplicacións da computación natural e a intelixencia artificial en enxeñaría, medicina, robótica e bio-tecnoloxía.
Todo, co obxectivo de responder a dúas cuestións básicas: como poden a Física, as Matemáticas, a Enxeñaría, a Computación, a Intelixencia artificial (AI) e a Enxeñaría do Coñecemento contribuír ao entendemento do Sistema Nervioso, dos Procesos Cognoscitivos e do Comportamento Social? e como poden esas mesmas atopar inspiración no comportamento e no funcionamento interno de sistemas físicos, biolóxicos e sociais para concibir, desenvolver e construír novos conceptos, materiais e mecanismos de valor potencial en verdadeiros usos mundiais?.
Homenaxe a José MiraPara responder a esas preguntas asisten ao congreso científicos de Estados Unidos, Inglaterra, Francia, Alemaña, Holanda, China Xapón, Suíza, Brasil, Chile e España, cunha destacada presenza de expertos en intelixencia artificial que esta mañá participaron nunha sesión extraordinaria en memoria de José Mira.
O doutor Mira, académico e investigador de gran prestixio internacional, foi impulsor da investigación en Neurociencia e Enxeñaría do Coñecemento en España. Os resultados do seu traballo na USC sementaron o xerme do que hoxe é o Departamento de Electrónico e Computación e os estudos de informática.
Na homenaxe interviñeron o reitor Barro; o director do Instituto Universitario de Ciencias e Tecnoloxías Cibernéticas da Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, Roberto Moreno Díaz; o profesor da Universidade de Murcia Roque Marín Morales; e os catedráticos da Politécnica de Cartagena, Ramón Ruíz Merino; da USC Diego Cabello Ferrer; de Málaga Francisco J. Ríos Gómez; de Estremadura Francisco J. López Aligué; e de Lisboa (Portugal) José L. Simões Da Fonseca.
O encontro organízao o Grupo de Sistemas Intelixentes do Departamento de Electrónica e Computación en colaboración coa UNED e a Universidade Politécnica de Cartaxena.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.06.2009.