Ir o contido principal

Expertos de nove países europeos e americanos exploran as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo

Expertos de nove países europeos e americanos exploran as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo
Expertos de nove países europeos e americanos exploran as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo
Participan no congreso ‘Ilustrando a diversidade’ que inaugurou o reitor este luns en Ciencias da Comunicación

CampUSCulturae reúne ata o próximo xoves 23 a 150 expertos e investigadores de nove países europeos e americanos para explorar as posibilidades da ilustración como canle para a diversidade, a interculturalidade e o pluralismo, dentro do congreso ‘Ilustrando a diversidade’. O encontro abordará contidos relacionados co libro ilustrado, a literatura infantil, a promoción da lectura de libros ilustrados, o cómic e a novela gráfica, a animación e as novas formas de ler imaxes. O acto oficial de inauguración celebrouse este luns 20 no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación coa asistencia do reitor Juan Casares; da vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; xunto aos que tamén estiveron os coordinadores do proxecto CampUSCulturae, Xosé A. Neira e Irena García, e o decano da facultade compostelá, Xosé Pereira. A xuntanza celebrarase coa participación de expertos procedentes de toda España, Holanda, Italia, Francia, Colombia, Brasil, Arxentina, Venezuela e Portugal, como unha ocasión de escoitar e disertar cos expertos en ilustración, arte, lectura, novela gráfica, cómic, álbum ilustrado e animación que participarán nas conferencias plenarias, mesas redondas e obradoiros que conforman a oferta académica e formativa do congreso. Logo da sesión inaugural, a primeira das intervencións programadas foi a o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, coa conferencia ‘Ilustración e cultura galega’ ao que lle seguiu a primeira conferencia plenaria que co título ‘Os nenos do mar’ impartiu a ilustradora Carme Solé Vendrell. Pola tarde é a quenda da presentación de comunicacións e a inauguración da mostra ‘IlustraMundos’ Na xornada do martes 21, o programa principiará ás 10.00 horas coa presenza da ilustradora Mónica Weiss para pronunciar a primeira das conferencias plenarias da sesión, falando sobre ‘ Multiculturalidade e libros ilustrados. Luces, sombras, latexos e pantasmas no xardín americano’. A partir das 11.00, o investigador Márcio Danilo Mota se referirá á ‘Autoidentificación infantil nos debuxos animados: a conceptuación postmoderna do arquetipo do heroe’. Logo destas dúas plenarias, as persoas asistentes poderán participar dunha entrevista coa ilustradora Elena Odriozola.

Pola tarde será a quenda dunha serie de catro obradoiros formativos sobre ‘ Libros ilustrados de autor’, a cargo de Carme Solé; ‘Do álbum ilustrado ao cinema de animación’, coordinador por Marcos López e Zé Carlos Pinto; ‘Reciclando a ilustración’, do que se encargará Machiel Braaksma; e ‘Variacións’, a cargo de Marc Taeger. A mesa redonda ‘Arte e ilustración: binomio ou redundancia’ dará continuidade ao programa da sesión e nela participarán Mónica Weis, Carme Solé, Marc Taeger e David Pintor, moderados pola crítica Fátima Otero. Esta xornada rematará cun espectáculo a cargo do actor Joshua McCarey.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.02.2012.