Ir o contido principal

Expertos de toda a Península debaten no Ibader de Lugo sobre os retos e estratexias da produción ecolóxica animal

Asistentes ás xornadas sobre produción ecolóxica animal que se desenvolven na sede do Ibader do Campus de Lugo os días 23 e 24 de novembro
Asistentes ás xornadas sobre produción ecolóxica animal que se desenvolven na sede do Ibader do Campus de Lugo os días 23 e 24 de novembro
Benestar animal, certificación, redes locais de consumo ecolóxico, demandas do mercado ou biodiversidade son algúns dos aspectos que se tratan no encontro

O Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC no Campus de Lugo acolle as xornadas técnicas sobre produción ecolóxica animal organizadas por pola sociedade de asesoría agrícola Agronovo, o instituto de investigación e tecnoloxías agroalimentarias IRTA e o propio Ibader. O programa inclúe relatorios sobre produción ecolóxica de leite, produtos avícolas, porcino e cabrún, benestar animal, certificación e adaptación ás esixencias de calidade, redes locais de consumo ecolóxico, demandas do mercado ou biodiversidade. As intervencións corren a cargo de expertos procedentes do ámbito universitario, da administración pública e do sector empresarial, tanto de Galicia como do resto de España e de Portugal. Entre eles, a profesora da USC María Sol Arias Vázquez, cun relatorio sobre gandería ecolóxica e parasitismos; o secretario do Ibader, Antonio Iglesias Becerra, cuxo relatorio está centrado nas potencialidades da produción ecolóxica de porco celta; e o investigador do Laboratorio do Territorio da USC Andrés García Lamparte, quen intervén cunha charla sobre agricultura ecolóxica e sistemas locais de alimentos. O presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), o director-xerente da empresa Casa Grande de Xanceda ou representantes da asociación ecoloxista e de comercio xusto A Cova da Terra son outros dos participantes nestas xornadas. A profesora da USC María Sol Arias Vázquez, durante o seu relatorio Intervención de José Pedro Araújo, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.11.2012.