Ir o contido principal

Expertos en raios cósmicos do Observatorio Pierre Auger danse cita na USC na súa xuntanza xeral

O encontro inaugúrase o luns 20 na Facultade de Medicina

Preto de 160 científicos pertencentes aos preto de vinte países integrantes da colaboración Internacional Pierre Auger asistirán na USC a partir do vindeiro luns 20 e ata o próximo día 24 á súa xuntanza xeral de análise das últimas investigación desenvolvidas arredor dos raios cósmicos. É unha xuntanza que na edición compostelá organizan o grupo de Física de Astropartículas xunto do Departamento de Física de Partículas e do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC, baixo a coordinación do profesor Enrique Zas e da investigadora Inés Valiño. As distintas sesións de discusión celebraranse na súa maioría na Facultade de Medicina, mentres que a sesión de clausura trasladarase ao Mosteiro de San Martín Pinario. O programa científico comezará o luns 20 a partir das 9:00 horas. A colaboración internacional Pierre Auger está formada por aproximadamente 450 científicos de 17 países que trata de estudar as partículas máis enerxéticas do universo coñecidas ata o momento, os raios cósmicos. Os expertos tratan de determinar a súa natureza, enerxía e lugar de orixe como camiño para comprender mellor o universo. Para os estudos destes raios, a colaboración conta co detector máis grande do mundo, o Observatorio Pierre Auger, composto por 1.600 detectores de superficie e 24 de fluorescencia que cobren unha área de aproximadamente 3.000 quilómetros cadrados na rexión de Marlagüe en Arxentina. As investigacións desenvolvidas ata o momento sobre os raios cósmicos permitiron determinar que se trata dunhas partículas cargadas cunha enerxía dez millóns máis elevada que as do acelerador de partículas LHC do CERN. O profesor Enrique Zas explica que estes raios son “auténticos mensaxeiros dunha parte descoñecida do universo” e “a súa investigación servirá para o desenvolvemento dunha nova Astronomía”. Nas xuntanzas xerais que a colaboración organiza periodicamente preséntanse os últimos resultados científicos acadados polos investigadores así como as perspectivas de futuro. Trátase de investigacións de interese dende o punto de vista da Física de Partículas, dado que as colisións que se producen cando estas partículas de alta enerxía chegan á Terra “son descoñecidas para os físicos que estudan a enerxía cotiá”. As persoas interesadas poden acadar máis información na páxina web http://fpaxp1.usc.es/aanalysis/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2011.