Expertos en raios cósmicos do Observatorio Pierre Auger reuniranse na USC a vindeira semana
Preto de 160 científicos pertencentes aos distintos países membro do experimento internacional de Raios Cósmicos Observatorio Pierre Auger participarán do 20 ao 24 de xuño en Compostela nunha reunión de análise da Colaboración Internacional Pierre Auger. Este encontro organízao o grupo de Física de Astropartículas do Departamento de Física de Partículas e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, baixo a coordinación dos profesores Inés Valiño e Enriquez Zas, integrantes do comité organizador local. As distintas sesións de discusión celebraranse na súa maioría na Facultade de Medicina, mentres que a sesión de clausura trasladarase ao Mosteiro de San Martín Pinario. As investigacións desenvolvidas nos Observatorios Pierre Auger dos hemisferios Norte e Sur están dedicados á detección dunhas partículas cargadas cunha enerxía dez millóns máis elevada que as do acelerador de partículas LHC do CERN. O profesor Enrique Zas explica que estas partículas, denominadas ‘raios cósmicos’, son “auténticos mensaxeiros dunha parte descoñecida do universo” e “a súa investigación servirá para o desenvolvemento dunha nova Astronomía”.
Son investigacións de interese dende o punto de vista da Física de Partículas, dado que as colisións que se producen cando estas partículas de alta enerxía chegan á Terra “son descoñecidas para os físicos que estudan a enerxía cotiá”. As persoas interesadas poden acadar máis información na páxina web http://fpaxp1.usc.es/aanalysis/.