Ir o contido principal

Expertos universitarios de toda España a representantes sindicais reflexionan sobre ‘Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España’

Expertos universitarios de Navarra, Granada, Barcelona, Sevilla e da propia USC xunto a integrantes das Comisión Labregas, do Sindicato Agrario Galego, do Sindicato Labrego Galego ou do Sindicato Obreros del Campo, entre outros, conforman o cadro de relatores do curso ‘ Cincuenta anos de sindicalismo agrario en España: da ditadura á democracia (1936-1986)’. Este programa estival desenvolverase no Salón de Actos da Casa de Cultura do Concello de Arzúa entre os días 8 e 10 de setembro. No abano de temas a abordar, este curso inclúe a represión do societarismo agrario na Galicia franquista e as súas consecuencias, o cooperativismo católico agrario, a construción do franquismo dende o campo, unha perspectiva global sobre o novo sindicalismo agrario na España da transición, mobilización e protesta na España rural ou o panorama do sindicalismo agrario na Galicia do tardofranquismo e a transición.

O programa contempla tamén unha mesa redonda baixo o lema ‘A herdanza da transición na España rural a debate: democratización, cambio produtivo e mudanzas sociais. Dos anos setenta á actualidade’. Ademais, desenvolverase unha sesión de traballo de campo coa explicación guiada da evolución das paisaxes agrarias na comarca de Arzúa, incluíndo unha visita didáctica a unha explotación gandeira e o posterior debate sobre a problemática histórica e actual dos subsectores leiteiros e cárnico en Galicia e en España.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2011.