Ir o contido principal

Expertos universitarios e profesionais debaten na USC sobre o presente e futuro das TIC no ensino superior

O encontro inaugurouse en Ciencias da Comunicación (Santiago)
O encontro inaugurouse en Ciencias da Comunicación (Santiago)

Universidades, editoriais, produtores de software e especialistas en TIC aplicadas á educación reúnense por vez primeira en Galicia para reflexionar sobre o presente e futuro da educación contemplada dende a perspectiva das tecnoloxías dixitais e a comunicación. ‘ Universidad 2.0. En busca da Innovación Educativa’ é o lema da conferencia na que se dan cita os especialistas co obxecto de compartir experiencias, inquietudes e definir a aplicación das TIC no escenario da educación superior, de xeito particular no uso de contidos e plataformas dixitais. O encontro celebrase este xoves 12 na Facultade de Ciencias da Comunicación. A inauguración celebrouse nun acto que contou coa asistencia do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, da vicerreitora de Persoal Docente e Investigador da USC, Carmen Fenrández Morante, e dos vicerreitores de Economía e Planificación da Coruña, José M. García Vázquez, e de Calidade da Universidade de Vigo, Mª Elena Sierra Palmeiro. De modo práctico, a xornada inclúe no seu desenvolvemento a utilización de novas ferramentas dixitais, como un atril ou unha pizarra dixital interactiva. Ademais, xunto coas conferencias desenvólvense mesas redondas que permitirán o debate e a análise de casos de éxito no eido da educación e as TIC. Os promotores desta iniciativa apuntan que Universidade 2.0 é o único evento de novas tecnoloxías no ensino superior galego que agrupa o coñecemento achegado por parte das editoriais, coas tecnoloxías e coas institucións universitarias de Galicia, entendidas como transmisoras de coñecemento. No desenvolvemento do programa, participan representantes de editoriais como Pearson, Springer, Elsevier, Meubook, Netex e Netbiblo; empresas tecnolóxicas como Microsoft, Intel, Google, Oracle, Smart Technologies e Crambo Visuales; así como centros de educación superior e universidades. Desenvolvendo o propio obxectivo da conferencia, na xornada programada estanse a poder avaliar as aplicacións prácticas do uso das tecnoloxías mediante a utilización dunha pizarra e un atril interactivos. Este mesmo é o eixo dun dos casos de éxito mostrados, no que representantes da Universitat Rovira i Virgili expoñen as súas experiencias neste eido. Programa Logo do acto inaugural, o profesor da Universidade Camilo José Cela Alejandro Borges pronunciou a conferencia ‘Retos educativos no contexto económico e social. A transformación da educación. Deseguido, César García, socio fundador de Crambo e experto en solucións de integración audiovisual, presentou un relatorio sobre a integración da tecnoloxía audiovisual na educación superior. Seguiulle a primeira mesa redonda da xornada, estando dedicada a reflexionar sobre contidos dixitais para a educación e a formación, na que os temas a tratar foron a creación, etiquetado e catalogación; estandarización dos procesos; distribución; o e-learning como tendencia imparable; e experiencias dos usuarios. Nunha segunda mesa redonda o tema de análise foi ‘Centros, sistemas e plataformas educativas en liña. Adaptación ao novo espazo escenario do EEES’. Completando a sesión matinal, o responsable comercial de Produtos Enterprise 2.0 de Oracle España, Manuel Melle, presentou unha conferencia na que analiza os retos e vantaxes de construír unha plataforma social universitaria. Pola tarde, a partir das 15:30 horas, o director de estratexia de Plataforma de Microsoft Ibérica, Luis Miguel García de la Oliva, abre a quenda de intervencións falando sobre ‘Cloud Computing en educación’. Continua o programa coa mesa redonda ‘Innovación e creatividade na educación. O material cultural, bibliotecas, dereitos de autor’, na que se inclúe a presentación dunha experiencia desenvolvida na Universidade Rovira i Virgili arredor da pizarra dixital. A xornada remata coa celebración de tres obradoiros simultáneos sobre Innovación e tecnoloxía colaborativa na Universidade; A integración de elementos audiovisuais en contornos de ensino; e sobre Uso da plataforma Moodle para a Alfabetización en Biblioteca.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2011.