Ir o contido principal

Expertos da USC analizarán o Renacemento no V Curso de Arte Galega do Museo Provincial de Lugo

Profesores e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela analizarán o renacemento en Galicia e a súa relavancia na provincia de Lugo no V Curso de Arte que organiza o Museo Provincial e no que colabora a USC. Durante a vindeira semana, os conferenciantes tratarán de afondar nunha visión da arte galega con especial incidencia nas manifestacións artísticas existentes na provincia e especialmente no Museo Provincial de Lugo. A orde cronolóxica que seguen os cursos fixo que nesta ocasión fose a quenda do período renacentista.
O ciclo está coordinado polo técnico de Difusión do Museo Fernando Arribas Arias e pola profesora titular de Historia da Arte da USC Ana Goy Diz, dirixido aos estudantes de titulacións relacionadas, persoal de museos, ou guías de intérpretes de turismo, entre outros.
O programa do curso comeza o luns 23, ás 12:30 horas, co relatorio do catedrático de Historia da Arte na USC, José Manuel García Iglesias, quen falará sobre o renacemento e a catedral de Lugo. Na quenda de tarde, ás 16:30 horas, o catedrático da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, José Ramón Soraluce Blond, analizará as pegadas da arquitectura militar na provincia e para rematar esta primeira xornada o catedrático de Historia Moderna da USC, Pegerto Saavedra Fernández, abordará a situación da provincia de Lugo na época do Renacemento.
Os relatorios previstos para os días 24 e 25 de abril estarán dedicados a temas como o estudo da cidade a través dos libros consistoriais, a arquitectura dos pazos, a relación entre o Renacemento e o Camiño Francés ou as xentes da cidade de Lugo nos séculos XVI e XVII, entre outros. O xoves, día 26, a xornada se reserva para a realización dunha visita cultural a Monforte de Lemos e no último día do curso a doutora en Historia da Arte da USC Rosa Cacheda Barreiro analizará os gravados nos libros do século XVI e XVII, seguida do profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña Francisco Xabier Louzao Martínez quen pechará o ciclo cun relatorio sobre ‘A Pratería lucense no Renacemento’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.04.2007.