Expertos da USC asistiron en Cuenca á VI Reunión sobre escultura romana en Hispania

Os profesores da USC Fernando Acuña Castroviejo e Raquel Casal García, do Departamento de Historia I, asistiron estes días en Segóbriga (Cuenca) á VI Reunión sobre escultura romana en Hispania na que presentaron un relatorio sobre o coñecemento actual da plástica galaico-romana. Este tipo de reunións, reservadas aos especialistas nesta temática, comezaron no ano 1992 en Mérida para continuar en anos sucesivos en Tarragona, Córdoba, Lisboa e Murcia.
Á reunión asistiron unha veintena de especialistas da Península Ibérica xunto con investigadores de Alemaña e Italia que debateron sobre as principais novidades xurdidas no territorio peninsular nos últimos tempos.
No encontro propúxose que a seguinte Reunión se celebre na Universidade de Santiago de Compostela en 2010, coordinada polos profesores da USC asistentes, tendo en conta a importancia que cada vez mais acadan os ambientes provinciais dentro da plástica romana.