Ir o contido principal

Expertos da USC participan nun novo volume sobre materiais didácticos e experiencias educativas innovadoras

Profesores e investigadores da Universidade de Santiago participan na edición do volume Materiais didácticos e experiencias educativas innovadoras, obra que coordinan Montserrat Castro Rodríguez, Xesús Rodríguez e Helena Zapico, este dous últimos tamén da USC. Trátase dunha publicación editada por Toxosoutos e Nova Escola Galega que recolle máis de 30 materiais e experiencias "innovadoras" que se desenvolveron en Galicia nos últimos anos. Unha boa parte dos recursos e iniciativas que se recollen no libro pretenden constituírse en ferramentas alternativas ou complementarias aos libros de texto, amosando prácticas innovadoras de traballo na aula e de atención ás diferentes necesidades do alumnado e profesorado. O sentido da obra é tamén o de impulsar a necesaria difusión destes traballos concibidos, promovidos e implementados nos últimos anos dende moi diversos colectivos de carácter educativo: grupos de traballo, centros educativos,universidade ou movementos de renovación pedagóxica, entre outros. Unha boa parte dos proxectos recollidos na obra están vinculados a proxectos de normalización lingüística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.10.2013.