Explican nun seminario en Dereito as principais novidades da próxima regulación da protección de datos

Enmarcado nas actividades do Observatorio Internacional da Regulación das Entidades do Sector Público que dirixe o profesor Marcos Almeida Cerreda, este xoves 22 terá lugar na Facultade de Dereito un seminario sobre as principais novidades na regulación da protección de datos.
O acto central da xornada, que dará comezo ás 15:00 horas na sala de xuntas, será a conferencia que impartirá Eduard Chaveli Donet, director de Govertis, empresa líder en España no sector da implantación do Regulamento Xeral de Protección de Datos. Na súa intervención ofrecerá unha aproximación aos principais cambios que implicará o seu obrigado cumprimento a partir do 25 de maio para todos os operadores que manexen datos persoais.
Falará así da consagración do dereito ao esquecemento mediante a rectificación ou supresión de datos persoais e da necesidade de que os operadores obteñan un consentimento expreso e específico dos titulares dos datos persoais para o seu tratamento, deixando sen efecto o consentimento ‘por defecto’.
Ademais, a partires de maio existirá o dereito a ser informado se os datos persoais foron obxecto de difusión ilícita e se reforzarán as sancións por infraccións.
A conferencia de Eduard Chaveli Donet complementarase cunha intervención do coordinador do Máster en Protección de Datos da USC, Daniel Neira Barral.