Ir o contido principal

Explorer ‘Mozos con Solucións’ para emprendedores novos mantén aberta a inscrición ata o 11 de decembro

Imaxe promocional do programa Explorer 'Mozos con Solucións'
Imaxe promocional do programa Explorer 'Mozos con Solucións'
A USC ofrece en Lugo e Santiago espazos de coworking de alto rendemento para desenvolver as ideas de negocio ao abeiro deste programa do Banco Santander aberto a participación de persoas entre 18 e 31 anos
Lugo, Santiago de Compostela

Emprendedores universitarios entre 18 e 31 anos xa se poden inscribir ata o 11 de decembro de 2020, a través da plataforma Santander X, no programa Explorer ‘Mozos con Solucións’, unha iniciativa promovida polo Banco Santander e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE( que brinda formación a estudantes e investigadores en validar as ideas de negocio relacionadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) 2030.

A USC, como institución participante neste programa de impulso do talento mozo, ofrece nos seus campus de Lugo e de Santiago dous Explorer Space, concibidos como centros de coworking de alto rendemento nos que o alumnado seleccionado poderá desenvolver as súas ideas de forma colaborativa, ademais de ter a posibilidade de conectar con outros emprendedores e recibir asesoramento personalizado e formación  impartida por unha rede de mais de 200 expertos en innovación e modelos de negocio. O programa está estruturado en 12 semanas, durante as que as persoas participantes poderán desenvolver habilidades emprendedoras como liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación.

Explorer brindará as ferramentas necesarias para que os participantes sexan capaces de desenvolver unha solución sólida, viable e sustentable enfocada a resolver os problemas relacionados cos ODS fixados polas Nacións Unidas. A novidade desta edición é a combinación de formación, recursos e charlas en liña con eventos presenciais en cada un dos Explorer Spaces habilitados por toda España.

O grupo de avaliación de cada Explorer Space decidirá, a partir do traballo realizado ao longo destas 12 semanas, que equipo -até un máximo de tres membros- poderá continuar coa súa formación. Como novidade, a formación adicional desenvolverase nun hub de innovación europeo da man dunha institución educativa de prestixio en xullo 2021. O polo innovador escollido será elixido de maneira colaborativa polos participantes do programa, xa que ao longo do mesmo iranse coñecendo as vantaxes das distintas alternativas en base aos criterios establecidos polo Global Startup Ecosystem Report 2020.

Sustentabilidade e autoemprego

O programa Explorer convértese nesta convocatoria nunha proposta de formación emprendedora de vangarda, adaptada ao novo contexto de innovación global. A súa transformación dixital responde á necesidade de escalar un programa de éxito validado que abre a porta a un perfil de emprendedor máis amplo en cantidade e diversidade de propostas.  

Os candidatos desta edición do Explorer deberán aliñar os seus proxectos cun ou varios dos 10 dos 17 ODS apuntados desde Banco Santander: fin da pobreza, educación de calidade, igualdade de xénero, enerxía alcanzable e non contaminante, traballo decente e crecemento económico, redución das desigualdades, cidades e comunidades sustentables, produción e consumo responsables, acción polo clima e alianzas para lograr os obxectivos.

Unha década de crecemento

O programa Explorer cumpre a súa primeira década de vida logo de impulsar proxectos de máis de 8.000 emprendedores e tras xerar centos de empresas. Nestes anos, a iniciativa do Banco Santander experimentou un crecemento constante no número de participantes, desde os 32 da súa primeira edición até superar as 1.500 persoas vinculadas aos máis de 50 Explorer Spaces en España, Portugal, Arxentina e México.

 
A media de idade dos emprendedores, que teñen un perfil universitario, sitúase nos 24 anos. A participación feminina tamén aumentou un 102,8% ao longo desta década, na que un terzo das ideas emprendedoras chegaron a converterse en empresas, das que un 40% nacen con vocación exportadora e a metade contan con dous ou máis traballadores.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.10.2020.