Ir o contido principal

Explorer Santiago premia ‘Influcontact’, un proxecto centrado na intermediación publicitaria entre empresas e influencers

O proxecto gañador pon o foco na intermediación publicitaria entre empresas e influencers. FOTO: Santi Alvite
O proxecto gañador pon o foco na intermediación publicitaria entre empresas e influencers. FOTO: Santi Alvite
‘Desde LOQ (Lo que callan)’, ‘Azul Cielo’ e ‘Horizonte Verde’ tamén foron recoñecidos neste certame de emprendemento no que se desenvolveron doce iniciativas empresariais innovadoras
Santiago de Compostela

‘Influcontact’ centra a súa actividade na intermediación publicitaria entre empresas e influencers, coa intención de  aforrar custos e potenciar vendas mediante un servizo sinxelo, eficaz e rápido. Esta iniciativa desenvolvida por Andrés Felipe Soto Jaramillo, Alba González González e Juan Taboada Carrera, acaba de ser recoñecida co primeiro premio na presentación final dos proxectos Explorer en Santiago.

O xurado composto por José Luis Villaverde Acuña, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC; Oscar Castro Campos, director da Oficina Banco Santander Campus Sur; e Xosé L. Garza Silvela, director de Actividades en Lug Open Factory, avaliaron os doce proxectos xurdidos no marco deste programa de emprendemento e destacando en todos eles a súa aliñación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O segundo premio recaeu en ‘Desde LOQ (Lo que callan)’, iniciativa que  ofrece á comunidade unha nova ferramenta dixital baseada na psicoloxía da linguaxe, que impida que o bullying pase desapercibido. As promotoras deste proxecto son Naomi García, Marta Estévez e Laura García. Pola súa parte, os terceiros premios recoñeceron, por unha banda, a ‘Azul Cielo’, un glamping sostible situado a 25 kilómetros de Santiago de Compostela e a 300 metros do Camiño de Santiago, no que existen actividades recreativas e cultívanse produtos ecolóxicos. Trátase dun espazo pet friendly enfocado nas familias, parellas e grupos de amigos e peregrinos que desexen contactar coa natureza e sentir a experiencia de durmir nun lugar diferente aos convencionais. Fabiola Álvarez Sánchez e Manuel Pereiro Balado son os promotores desta iniciativa.

Finalmente, ‘Horizonte Verde’ recibiu o outro terceiro premio por combater o despoboamento do rural, a través do cultivo nas terras en desuso de produtos ecolóxicos para a súa posterior venda. Esta iniciativa correu a cargo de Diego Vázquez. “As puntuacións acadadas pola maioría dos proxectos foron moi altas como difícil foi tamén a selección dos gañadores”, explicou o xurado á hora de xustificar a concesión de  dous terceiros premios. Por problemas de aforo derivados da situación actual, os proxectos foron presentados individualmente e o anuncio dos gañadores realizouse de xeito telemático.

Programa consolidado

A undécima edición de Explorer ‘Mocidade con Solucións’ conforma unha iniciativa de impulso ao talento mozo promovida polo Banco Santander a través de Santander Universidades e dirixida polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE) en colaboración local coa USC, Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Emprego, e a Deputación de Lugo. O programa está destinado a mozas e mozos residentes en Lugo e Santiago entre 18 e 31 anos que, durante 12 semanas, puideron desenvolver as súas ideas de negocio e habilidades emprendedoras como o liderado, traballo en equipo ou habilidades de comunicación.

A novidade desta edición foi a combinación de formación, recursos e charlas en liña con eventos presenciais nos Explorer Spaces de que dispón a USC nos seus campus de Compostela e Lugo, centros de coworking de alto rendemento onde desenvolveron as súas ideas de forma colaborativa, conectaron con outros emprendedores e recibiron asesoramento personalizado e mentorización.

O proxecto finalista de cada centro Space gañou como premio un Explorer Trip, unha experiencia intensiva de inmersión e formación para todo o grupo por medio dunha viaxe dunha semana de duración a un polo de innovación europeo da man dunha institución educativa de prestixio durante o verán de 2021.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2021.