As explotacións galegas de vacún de leite máis sostibles teñen un maior grao de dixitalización, advirte unha investigación
As explotacións galegas de vacún de leite máis sostibles son tamén as que presentan un maior grao de dixitalización e xa teñen implantado entre as súas rutinas cotiás a tramitación en liña dos distintos procesos burocráticos, segundo se recolle na tese de doutoramento ‘Metodoloxía para a avaliación Mid-term das oficinas agrarias virtuais: propostas para unha nova xeración’, que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC a investigadora sarriá Alba Vázquez López.
O pioneiro traballo de investigación desenvolvido por Vázquez López baixo a coordinación dos profesores e integrantes do grupo de investigación Proxectos e Planificación (PROePLA) da USC Martín Barrasa Rioja e Manuel Marey Pérez, abre un camiño moi relevante tanto no ámbito das TIC's como das explotacións agrícolas ou gandeiras, neste caso máis concretamente nas ganderías de leite, de tanta importancia en Galicia.
A investigación para determinar en que medida as ganderías de vacún leite empregan no seu traballo diario as novas tecnoloxías de información permite tamén poñer o foco nas relacións de comunicación que teñen os propios produtores coas administracións públicas por medio das oficinas agrarias virtuais (OAVs). Daquela, a investigadora lembra a obriga das administracións públicas de dotarse de instrumentos de comunicación virtual coa cidadanía, ao tempo que tamén se fai eco da enorme carga burocrática que soportan os agricultores e, especialmente, as persoas que rexentan explotacións gandeiras para tramitar permisos, axudas, incorporacións, saídas de animais, nacementos, baixas…
Ante esta realidade dual, cuxos desequilibrios e problemáticas se acentuaron de xeito progresivo nos últimos anos, a doutoranda Alba Vázquez López acometeu un estudo exhaustivo de campo a fin de coñecer polo miúdo as dificultades advertidas no sector para logo propoñer medidas de mellora. De feito, a investigación apóiase nos datos e testemuños recollidos en entrevistas feitas antes da chegada da pandemia provocada pola COVID-19 a unha mostra representativa das explotacións gandeiras de vacún de leite de Galicia que se corresponde con granxas catalogadas como de referencia dacordo con diversos indicadores preestablecidos.
A análise desta información previa deixa ver que a pesar do tempo xa transcorrido desde a posta en marcha das OAV's, a marxe de mellora nos procesos de comunicación e interacción virtual é aínda importante. A investigadora contempla asemade no seu estudo outros parámetros que tamén afectan á comunicación entre as administracións e os responsables das explotacións gandeiras, tal e como o son a progresiva resolución dos problemas de conexión en diversas áreas xeográficas ou a activación de formas alternativas de relación como é o caso do teléfono 012, unha canle que resulta atractiva para moitos gandeiros á hora de intercambiar información coa Administración.
Aínda así, a investigación conclúe que se ben aquelas explotacións que poderiamos considerar máis sostibles son as que xa teñen instaurados os trámites burocráticos en liña nos seus procesos produtivos como un apartado máis do traballo, existe tamén un relevante número de explotacións que non fai uso deste tipo de opcións de comunicación nin tan sequera o considera prioritario mentres estean dispoñibles outras alternativas.
Tribunal de tese e cualificación
O catedrático da área de Proxectos de Enxeñería da Universidade de Oviedo Francisco Ortega Fernández presidiu o tribunal encargado de avaliar a investigación de doutoramento presentada por Alba Vázquez López, un comité do que tamén formaron parte o profesor titular da área de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Castela A Mancha, Antonio Brasa Ramos, e o profesor da área de Proxectos de Enxeñaría da USC Emilio Díaz Varela. O tribunal acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude a esta tese.