A exposición ‘Barcelona, a fachada do cinema’ chega a Compostela
A exposición ‘Barcelona, a fachada do cinema’ (‘Barcelona, la façana del cinema’), formada por unha trintena de acuarelas de Josep Marfà pertencentes á Colección Josep M. Queraltó, instalarase no Colexio de Fonseca do 24 de maio ao 30 de xuño. A mostra inaugurou en abril de 2011 a nova sede da Academia do Cinema Catalá en Barcelona, que desde a súa fundación en 2008 compartía as oficinas do Colexio de Directores de Cataluña. A exposición en Santiago, froito dun acordo entre a devandita academia catalá e a galega do audiovisual coa colaboración da USC, incorpora algunha novidade como a presenza da cámara de filmar que empregou Buster Keaton na película ‘The Cameraman’. Impresionismo catalán As pinturas que se exporán en Fonseca enmárcanse dentro do impresionismo catalán e retratan as fachadas de cines de Barcelona de diferentes épocas, desde finais do século XVIII co Teatro Principal Palacio ata Imax Port Vell construído en 1995. Entre as obras seleccionadas inclúense os retratos de tres históricos barceloneses: o pioneiro Fructuós Gelabert (1874-1955); o dramaturgo, poeta e pintor Adrià Gual (1872-1943); e o historiador e crítico Miquel Porter i Moix (1939-2004). A mostra complétase con tres pezas da colección de Queraltó, considerada unha das máis importantes privadas de Europa. Son o cartel do Teatro Óptico de proxección de C. Émile Reynaud (1889), o terceiro proxector de Lumière (1902) e a cámara de Ricardo Baños (década de 1910).