A exposición ‘Carlos Maside. Patrimonio de Galicia’ xa pode visitarse en Fonseca
O comedor do Colexio de Fonseca albergará dende hoxe a exposición ‘Carlos Maside. Patrimonio de Galicia’, con 21 pinturas que conforman o ‘Legado Maside’ e que pasa a formar parte do patrimonio cultural da cidade e de todas e todos os galegos logo de que fora adquirido polo Consorcio de Santiago cunha axuda da deputación da Coruña.
A inauguración da mostra, á que se accede polo Xardín da Travesa de Fonseca (Xardín das Pedras que Falan), tivo lugar este xoves nun emotivo acto no que participaron o reitor da USC, Antonio López; a xerenta do Consorcio, Belén Hernández; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o alcalde da cidade, Martiño Noriega; así como Asunción Leiceaga en representación da Plataforma Maside e Xulio Maside Medina por parte da familia do pintor.
A obra de Carlos Maside (Pontecesures, 1897-Compostela, 1958) forma parte, pola súa excepcional calidade artística, da vangarda histórica galega como peza fundamental da renovación estética vencellada á Galicia de comezos do século XX. O legado que xa pode visitarse dá conta do seu compromiso coa realidade galega e da súa visión singular a través da exploración artística.
A mostra poderá visitarse en verán de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas cun pequeno cambio en inverno, que nas tardes abrirá ás 16:00 e pechará ás 20:00 horas.
Foto: Santi Alvite Foto: Santi Alvite