A exposición fotográfica ‘Compostela, un ano de Voz’ abrirá as súas portas este xoves en Fonseca
O Salón Artesoado do Colexio de Fonseca abrirá as súas portas este xoves 10 á exposición ‘ Compostela, un ano de Voz’ na que se recolle a visión dos fotógrafos Xoán Soler, Álvaro Ballesteros, Paco Rodríguez e Sandra Alonso respecto do acontecido ao longo do ano en Santiago e en Galicia. Na inauguración, que se celebrará no Colexio de Fonseca a partir das 20.00 horas, intervirán o reitor Juan Casares; o alcalde de Santiago, Ángel Currás; o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro; o director de La Voz de Galicia, Xosé L. Vilela, e Xoán Soler en representación do equipo de reporteiros gráficos. ‘Compostela, un ano de Voz’ é xa unha cita obrigada dentro da oferta expositiva de Santiago e máis particularmente no relativo ao fotoxornalismo. Os visitantes atoparán nesta exposición sesenta instantáneas que retratan os acontecementos máis significativos da cidade ao longo de 2012. Cada unha das imaxes vai acompañada da páxina do xornal onde foi publicada no seu día.