Ir o contido principal

Unha exposición fotográfica en Filosofía achéganos a civilización do pobo etíope de Gumuz

‘Onde as rúas no teñen nome. Unha ollada etnoarqueolóxica ao pobo de Gumuz (Etiopía Occidental)’ é a nova exposición fotográfica que a partir deste xoves, 1 de marzo, e ata o 15 do mesmo mes ocupará o espazo expositivo da Facultade de Filosofía de Santiago.
Froito dun proxecto levado a cabo pola Universidade de Santiago, o CSIC e a Xunta de Galicia, en marzo de 2006 realizouse unha campaña de etnoarqueoloxía e arqueoloxía histórica en Benishangul-Gumuz (Etiopía). Tratábase de construír a secuencia histórica dende o paleolítico ata a actualidade na zona de Metekel -ao norte do Nilo Azul- centrándose nos gumuz, co fin de profundar no coñecemento da súa cultura, e analizar as relacións interétnicas entre eles e outras comunidades fronteirizas, así como tamén a organización do seu espazo doméstico.
Esta exposición, que recolle o traballo realizado por este equipo na campaña de 2006, retrata a vida do pobo Gumuz en Etiopía Occidental. Trátase dun grupo que vive en asentamentos de cento cincuenta a cincocentos individuos que se trasladan cada certo tempo. Practican unha agricultura de roza e queima, tendo a caza, a pesca e a recolección gran relevancia para a súa subsistencia, mentres que a súa organización sociopolítica baséase na igualdade. Nas fotografías expostas pódese apreciar os labores cotiás deste pobo como a modelaxe de cerámica, elaboración de cervexa, xantares comúns ou vistas dos conxuntos arquitectónicos dos seus asentamentos.
As imaxes permiten explicar como os costumes e crenzas máis tradicionais dos Gumuz se mesturan con outros valores importados, sobre todo, da sociedade occidental. As fotografías foron feitas por Xurxo Ayán Vila, da Universidade Complutense, e por Alfredo González Ruibal, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Ayán atopouse ao longo da expedición que a sociedade Gumuz ten moitas similitudes cunha etapa pasada da sociedade galega, polo que é un bo exemplo de como “a Historia e a Etnografía permítennos coñecer mellor aos demais e así coñecernos mellor a nós mesmos”.
Logo de permanecer quince días en Filosofía, a exposición trasladarase do 19 de marzo ao 11 de abril á Biblioteca Universitaria Concepción Arenal para rematar exposta, do 16 ao 27 de abril, na Facultade de Ciencias da Comunicación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.02.2007.