Ir o contido principal

Unha exposición na Igrexa mostra o material arqueolóxico máis salientable atopado no xacemento romano de Currás

Unha exposición na Igrexa mostra o material arqueolóxico máis salientable atopado no xacemento romano de Currás
Unha exposición na Igrexa mostra o material arqueolóxico máis salientable atopado no xacemento romano de Currás

En 1972 descubriuse na parroquia de Currás (Tomiño) un xacemento romano e altomedieval que foi obxecto de investigación do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo. Os resultados da primeira fase dos traballos arqueolóxicos realizados en 2013 expóñense nunha mostra que este xoves 4 chega á Igrexa universitaria da USC.

Dirixida polo profesor de Arqueoloxía Fermín Pérez Losada e a profesora e investigadora Silvia González Soutelo, ambos da Universidade de Vigo, e coa colaboración dos investigadores Patricia Valle Abad e Martiño Vázquez Mato, a mostra contou coa participación de estudantes de arqueoloxía e historia do campus de Ourense, colaboradores locais e outros que axudaron no estudo dos materiais arqueolóxicos atopados neste xacemento.

Xunto coa explicación dos traballos realizados e unha breve historia deste enclave, a mostra presenta unha selección dos materiais arqueolóxicos máis representativos do xacemento, non só daqueles descubertos na última intervención levada a cabo en 2013 senón tamén dos xa recuperados en 1972 e que foron depositados na súa maioría no Museo Diocesano de Tui. A exposición complétase con medios audiovisuais e con actividades didácticas para escolares.

‘Tomiño Romano: o xacemento de Currás’ poderá visitarse ata o 11 de marzo de xoves a venres de 10.30 a 14.30 e de 16.30 a 20.30 horas. Hai ademais a posibilidade de abrir a mostra para grupos con visitas previamente concertadas.

A inauguración da exposición tivo lugar nun acto no que participaron a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a concelleira de Cultura e Asuntos Sociais de Tomiño, Cristina Martínez; os comisarios da mostra, Fermín Pérez e Silvia González; o decano da Facultade de Xeografía e Historia da USC, Juan Monterroso; e a decana da de Historia da UVigo, Susana Reboreda.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.02.2016.