Ir o contido principal

A exposición itinerante do Herbario da USC inaugúrase cunha charla sobre a diversidade vexetal galega

O director do Herbario SANT, Javier Amigo, inaugurará este venres, día 11, ás 11:00 horas no IES Antón Fraguas de Santiago a exposición itinerante ‘Porta Aberta ao Herbario SANT’. No acto abordarase a cuestión da biodiversidade vexetal facendo fincapé nas distintas especies que se poden atopar nos variados ecosistemas galegos.
Organizada polo Departamento de Botánica e o Herbario da USC, a mostra trasladarase a partir do vindeiro luns, día 14, ao Instituto de Educación Secundaria de Arzúa onde, de novo, se colocarán seis paneis colgantes. Nestes soportes, as plantas organízanse segundo os hábitats nos que aparecen con máis frecuencia. Asemade, na exposición engádese información explicativa sobre as distintas especies e a lista dos seus nomes científicos xunto coa denominación popular.
Dependente do Vicerreitorado de Investigación da USC, o Herbario SANT é unha colección de especies vexetais desecadas e tratadas para a súa preservación a perpetuidade. Por estar ademais etiquetado, este herbario constitúe unha das bases fundamentais para os estudos galegos sobre flora e vexetación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2007.