Ir o contido principal

A exposición Luis Ksado '7º Premio de Creación Fotográfica' chega á USC

Inaugúrase este martes, día 15, ás 19:00 horas na Facultade de Filosofía

Un total de 64 obras fotográficas que abarcan desde o retrato ou a paisaxe ata o conceptual ou o fotoxornalismo conforman a exposición que este martes, día 15, se inaugurará ás 19:00 horas na Facultade de Filosofía. Trátase dunha selección das obras que se presentaron ao 7º Premio de Creación Fotográfica ‘Luis Ksado’, que anualmente convoca a Deputación da Coruña.
Nesta sétima edición, o xurado do premio Ksado escolleu unha colección de fotos definidas polo seu carácter singular e conceptual, que dalgún xeito supoñen unha novidade neste premio, sendo a creatividade o factor esencial que se valora na pluralidade das diferentes tendencias fotográficas.
Este ano presentáronse ao certame 104 autores, dos que se elixiron seis para a mostra que se inaugura este martes en Santiago. Así, exporase a obra do premiado, Miguel Harguindey Vidal, titulada ‘Breve prontuario de peixes e pareceres’ e dos finalistas Antonio Daño, con ‘A mar de gando’; Stéphan Lutier, con ‘Entre pigmentos e raíces’; Alberte Peiteavel, con ‘Ir e vir’; Alfonso Costa, coa súa obra ‘Made in Galicia’; e Amador Lorenzo Blach, con ‘Sitio distinto’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.05.2007.